Os modestos tamén soñan: O Pontevedra B, a polo ascenso

O Pontevedra B traslada a Pasarón o partido ante o Beluso na loita por subir a Terceira ► Tres puntos separan ao líder, Vilalonga, do cuarto, Umia, a catro xornadas da fin da primeira fase
O campo de Pasarón, baleiro, terá protagonismo no treito final da Liga de Preferente. RAFA FARIÑA
photo_camera O campo de Pasarón, baleiro, terá protagonismo no treito final da Liga de Preferente. RAFA FARIÑA

Os grandes momentos requeren de grandes escenarios. Así o entendeu o Pontevedra, que aproveitando o remate da temporada, a mellora do tempo e do estado do céspede de Pasarón, trasladou a ese escenario o partido do seu filial na loita polo ascenso a Terceira División.

O bloque preparado por Sergio Moreira recibirá ao Beluso no campo do Burgo, no comezo do último mes de competición, que conserva a igualdade que se presumía ao comezo: tres puntos separan aos catro primeiros da clasificación nunha competición que tivo tres líderes diferentes (Umia, Pontevedra B e Vilalonga) e catro equipos distintos nas dúas primeiras posicións (o cuarto é o Gran Peña).

O club granate convida aos seus aboados a acudir ao partido do domingo, ás 18.00 horas, para presenciar o fútbol desde a bancada de Tribuna. O tope de seareiros que poderán acceder á instalación é de 1.000. Os aboados interesados en presenciar o duelo deberán facer a súa reserva na aplicación do club e portar o carné.

Faltan 36 puntos por disputar en total (12 por equipo) e oito duelos entre os implicados

Se cadra, o bloque de Moreira é o que ten o enfrontamento máis asequible, xa que o cadro de Óscar García, o Beluso, aínda non sumou puntos no que vai de liga.

A fin de semana ofrece dous partidos que poden embarullar más a clasificación, aclarala ou mantela como ata agora.

O cuarto clasificado recibe ao terceiro: Umia contra Gran Peña. Se gaña o conxunto de Óscar Guimeráns adiantaría na táboa ao bloque vigués. Pasaría de 9 a 12 puntos polos 11 que actualmente ten o seu adversario.

O líder, o Villalonga, ten un partido complexo perante ao Cambados. Os de Pénjamo levan dous triunfos seguidos e sete puntos. Se perden, quedarían fóra da ecuación da fase de ascenso. Se gañan, subirían ata dez puntos, a dous do seu contrincante, actual líder, e á espera doutros resultados para coñecer as súas opcións reais de meterse na loita.

Cabe lembrar que o terceiro posto ten premio: a clasificación para a disputa da fase previa da Copa do Rei, que pode acabar sendo un obxectivo realmente substancioso para os humildes.

O Vilalonga (12 puntos) é líder seguido por PCF B e Gran Peña (11), Umia (9) e Cambados (7)

CALENDARIO. Despois do domingo faltarán tres xornadas cheas de duelos directos entre os mellores, que poderían deixar todo solucionado na penúltima xornada ou manter a cinco equipos con posibilidades de acadar o seu obxectivo ata o remate.

Na oitava xornada, a do nove de maio, un Vilalonga - Umia en San Pedro pode ter moito que dicir na pelexa. Esa mesma fin de semana mídense o Cambados e o Pontevedra B, en Burgáns. O Gran Peña reibirá na casa ao Beluso.

Será o Vilalonga o que verá as caras co Beluso na penúltima xornada. Nesa mesma semana, que chegará despois dunha fin de semana de parón para recuperar partidos aprazados por mor da pandemia, o Pontevedra B viaxará a Vigo para medir as súas posibilidades contra o Gran Peña. O Cambados visitará a Bouza para xogar contra o Umia.

E para pechar, o 30 de maio, dous duelos entre os actuais catro primeiros. O Vilalonga medirase en San Pedro ao Gran Peña e o Pontevedra B pechará o curso, presumiblemente en Pasarón, contra o Umia de Óscar Guimeráns. Se lle queda algunha opción para aquela, o Cambados intentará optimizala no envite perante o Beluso.

Quedan 36 puntos en xogo e oito enfrontamentos directos entre os cinco implicados na loita polas dúas prazas de promoción de ascenso e a da Copa do Rei, que están separados actualmente por cinco puntos, e infinidade de variables que anuncian un intenso mes de maio.

Os dous primeiros o día 31 xogarán a liga polo ascenso contra os dous primeiros dos subgrupos do Sur da provincia de Pontevedra e de Ourense.

Comentarios