Moito traballo por diante no Pontevedra CF

O club deberá afrontar a ampliación de contrato da meirande parte dos compoñentes do plantel ▶Só Nacho, Darío Flores, Pibe e Berrocal teñen contrato en vigor

Berrocal é un dos catro xogadores con contrato do Pontevedra para a próxima temporada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Entrenamiento Pontevedra CF
photo_camera Berrocal é un dos catro xogadores con contrato do Pontevedra para a próxima temporada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO temporada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Entrenamiento Pontevedra CF

O Pontevedra deberá afrontar un arduo traballo a partir deste mesmo martes para intentar mellorar no futuro as prestacións desta temporada, que foi especialmente complexa e convulsa, como demostra o feito de que a permanencia chegase na última xornada.

Os responsables da área deportiva teñen por diante moitas decisións que tomar. A política do club de non conceder contratos de máis dun ano de duración á meirande parte dos xogadores obrigará a Roberto Feáns a ter que negociar con aqueles que considera máis interesantes para retelos e poder formar unha base firme de cara ao curso próximo.

Dos que comezaron a campaña só ten contrato en vigor Berrocal, que foi o único membro do plantel chegado no verán do 2017 que asinou o seu vencellamento contractual por máis dunha campaña. Kevin Presa dispón dunha cláusula de prolongación de contrato por un exercicio máis, aínda que deberá sentar cos responsables da entidade para negociar o seu futuro.

Dos futbolistas chegados no mercado de inverno, Nacho López continuará, atendendo á cláusula do contrato que implicaba a súa continuidade no club se o Pontevedra alcanzaba a permanencia na Segunda B, como así sucedeu. Na mesma situación atópase o central uruguaio Darío Flores. Os dous axudaron coa súa achega ao colectivo.

A continuidade do adestrador é un dos temas chave a tratar entre os responsables da entidade granate

 

Non tivo demasiados minutos de liga e non destacou, pero o club ten un grao de satisfacción con Pibe, ao que ve un xogador con proxección. O cambadés cumpriu os obxectivos de partidos titulares que lle marcou a entidade e seguirá sendo granate.

Non o fixo Eder, que quedou a un gol de cumprir o rexistro que lle propuxera o PCF para garantir a súa continuidade. En todo caso, hai un grao elevado de satisfacción co seu rendemento e previsiblemente disporá dunha oferta para seguir como granate.

Ningún dos compoñentes do club ten propostas formais de renovación, aínda que a intención da institución é conservar unha boa base do equipo actual.

Sen embargo, antes de decidir a confección do plantel, o Pontevedra deberá tomar dúas decisións: unha, ao respecto da situación de Roberto Feáns á fronte das operacións na parcela deportiva. Como lle ocorreu a Lupe Murillo, o conselleiro da área deportiva viviu a súa campaña máis complicada desde que chegou ao cargo.

Outro dos asuntos relevantes é a continuidade de Luismi no banco de Pasarón. A consecución do obxectivo que lle foi encomendado xoga a favor do preparador vigués, aínda que, a diferenza do que sucedera en temporadas anteriores con Luisito, non hai ningunha decisión tomada a ese respecto.

Roberto Feáns e Lupe Murillo deberán sentar para comezar a analizar a situación do futuro, aínda que durante esta semana aínda non haberá decisións, xa que a mandataria estimou oportuno coller uns días de desconexión do fútbol, despois da esixencia mental dunha temporada na que o club estivo por debaixo das súas pretensións deportivas.

Últimos adestramentos
O Pontevedra afronta a última semana de adestramentos para despedir a temporada cun bo sabor de boca, despois dos moitos sinsabores e dificultades polos que atravesou o colectivo para atallar a permanencia en Segunda B.

O club ten que determinar aínda cando se levarán a cabo as sesións de despedida dos xogadores e posteriormente organizará un xantar ou cea para pechar o curso, antes de comezar a levar os diálogos cos deportistas para saber se seguen ou se non.

A sensación no consello de administración é a de alivio e desafogo despois de moito sufrimento e dificultades.

É a segunda vez no século na que o Pontevedra é quen de conservar a categoría na última xornada. A outra oportunidade produciuse na Liga 2000-01, en Ourense. En ámbolos dous casos, a permanencia chegou a domicilio e coa afección desprazándose.

Nas dúas ocasións había protagonistas que se repetiron: o responsable da área deportiva do consello, Roberto Feáns, estivo tanto en 2001, como xogador, como nesta edición da Liga, como dirixente. Moncho (técnico de porteiros) e Luismi (adestrador), agora membros do corpo técnico, daquela, futbolistas, tamén repiten experiencia.

Comentarios