O Mouquim Team e David Vaz voan para gañar a 4 Picos BTT

Máis de mil ciclistas de Galicia, Portugal e outros lugares da Península Ibérica participaron nas dúas distancias da proba
O momento da saída da 4 Picos Desafío Rías Baixas 2022. GONZALO GARCÍA
photo_camera O momento da saída da 4 Picos Desafío Rías Baixas 2022. GONZALO GARCÍA

O ciclista independente David Vaz foi o máis veloz en percorrer o esixente itinerario da Pontevedra 4 Picos BTT Desafía Rías Baixas que se disputou este sábado na contorna da comarca, a través das súas montañas máis emblemáticas. Vaz completou o percorrido en 5 horas, 45 minutos e 15 segundos para facerse coa vitoria individual da proba, na que o conxunto portugués do Mouquim Team venceu por tríos: João Carlos Clara, Pedro Rafael da Costa e Sérgio Miguel Fernandes foron os máis consistentes da carreira e cumpriron o traxecto sen se separaren en algo más de 6 horas e 20 minutos

O mountain bike luso tivo un especial brillo na carreira, xa que a segunda praza da competición individual absoluta tamén correspondeu a un competidor do país veciño, Iván Sá, do Monção Bike. O podio da proba individual absoluta foi pechado polo tamén independente Jorge Domínguez.

O podio das clasificacións por tríos foi completado por dúas escadras galegas. O Triatlón Vilagarcía foi segundo, representado por Francisco Javier Castrelo Conde, Berna Piñeiro e Carlos Otero Iglesias. A terceira praza foi conseguida polos do EumeTeam Cristian Pazo Leira, Miguel Leira Pena e Juan Carlos Miño Sande.

A VII edición foi unha auténtica festa das bicis todo terreo sobre un duro percorrido circular con saída en Pontevedra, no recinto feiral, e chegada ao mesmo punto despois de atravesar 132 kilómetros e as catro montañas máis esixentes da contorna (Monte Xaxán, A Fracha, O Castrove y O Acibal), para sumar un desnivel acumulado de preto de 3.000 metros.

Adriana Tomillo foi a primeira muller en chegar á meta na distancia longa 

Máis de mil bikers tomaron parte nunha carreira con dúas opcións para os participantes: a versión reducida das 2 Picos ofrecía a posibilidade de acometer unha distancia máis modesta e gozar do deporte e do monte para os que a carreira máis longa se facía algo máis complexa.

Na categoría feminina, a primeira en cubrir os 132 quilómetros do percorrido foi Adriana Tomillo, que investiu 8 horas, 10 minutos e 51 segundos en rodear Pontevedra para reaparecer no recinto Feiral. Acompañárona no podio Silvia García e Ana López.

Cabe lembrar que a filosofía da proba non é competitiva, aínda que os participantes sempre poñen o mellor empeño en atravesar o percorrido e acabar na posición máis favorable posible. No fondo, o obxectivo de moitos deles é ofrecer o mellor rendemento posible e superarse persoalmente.

Entre as parellas que mellor nivel deron, os primeiros foron o dúo do Xabarín Sanomedio Sergio Mariño e Benedicto Carrera, que se mantiveron unidos para concluir cunha marca de 6 horas, 4 minutos e 23 segundos do segundo deles.

Detrás deles aparecen na chegada, case 20 minutos despois, Marcos Peña e Carlos Pérez do 3AG Jgcar. Os terceiros en discordia foron un dos dúos do Mouquim Bike Team, formado por Rui Freitas e Helder Da Costa.

O dato
Fernando Nieto manda na 2 Picos
Fernando Nieto Estévez foi o biker que precisou menos tempo en completar os 66 quilómetros da 2 Picos, a proba corta do Desafío Rías Baixas. Nieto rematou cun cronómetro de 3 horas, 5 minutos e 6 segundos, con medio minuto escaso de diferenza sobre o segundo en atravesar a liña de meta, Óscar Sueiro. Un tempo despois apareceu na chegada Luis Pereira García para pechar a táboa dos tres primeiros clasificados.

A carreira non só estaba aberta aos BTT tradicionais, senón que tamén contou coa participación da carreira de EBikers, modalidade cada vez máis practicada e recorrida para poder levar a cabo actividade física sen un nivel de esixencia tan elevado como as BTT que non están asistidas electricamente. O mellor desta modalidade foi Jorge Domínguez Pérez, que cubriu o percorrido absoluto en algo máis de seis horas, o que lle permitiu, ademais, ser un dos primeiros na clasificación absoluta individual.

Referencia
A proba está totalmente asentada dentro do calendario, como unha das citas de referencia do ciclismo de montaña galego. Os máis de mil inscritos confirman o seu valor para os especialistas da modalidade. Entre eles, ademais de representantes dos máis diversos conxuntos de Galicia, había representantes do BTT portugués e tamén doutros puntos da Península Ibérica.

Moitos deles remataron cubertos de pó, que ao mesturarse co suor debuxaba rostros de guerra. É a imaxe do cansanzo e a satisfacción dos deportistas habituados a convivir coa dureza do monte.

A organización realizaba tomas de tempos nos catro altos nos que se levaban a cabo e ademais recibía aos deportistas con representantes ataviados de espectaculares vestimentas de época. Unha forma de crear ambiente nunha carreira que non ten por obxectivo a competición, máis alá do espírito de superación dos participantes.

As altas temperaturas que se rexistraron a partir do medio día, cunha importante humidade, foron rivais dos deportistas, aínda que a falta de chuvias facilitou o esforzo. Ao remate da proba, os que finalizaron máis cargados puideron ser tratados con masaxe e fisioterapia por profesionais postos pola organización.

Comentarios