O Mundioma Peixegalego quere lamber as feridas contra o pechacancelas

O equipo marinense intentará evitar calquera conato de sorpresa contra un Covadonga que aínda non gañou ningún partido
Van Wijk no partido contra o Chantada. DAVID FREIRE
photo_camera Van Wijk sufriu unha escordadura de nocello contra o Círculo de Gijón. DAVID FREIRE

O Marín Peixegalego quere esquecer o final do partido da semana pasada. O final do partido e o resultado. Unha derrota dorosa provocada por unha controvertida decisión arbitral que deixou sen resposta ao bloque de Javier Llorente nos últimos segundos do choque contra o Círculo de Gijón, rival directo na pelexa por unha praza de play-off.

O desenlace non enturbia a rehabilitación do colectivo da Raña, que regresou do parón de Nadal fóra de tono para apañar unha inesperada derrota na casa contra o Ávila, pero recuperou sensacións gañando con autoridade en Carballo e confirmou esa mellora nun duelo de poder a poder fronte a un adversario de grandes dimensións, malia o marcador final.

O bloque da Raña non quere complicacións este sábado (20.00 horas), diante da súa xente. O pechacancelas, Covadonga de Oviedo, non se presume o rival máis feroz, xa que leva 14 derrotas en outras tantas xornadas. Pero sempre hai unha primeira vez para todo. E o Peixegalego non ten intención de ser esa primeira vez.

Javier Llorente podería ter que dar descanso forzoso a Kevin van Wijk, que sufriu unha escordadura de nocello no enfrontamento da semana pasada en Xixón, onde volveu ser o mellor do equipo. Haberá máis responsabilidade para os demais compañeiros, que deberán facerse fortes baixo os aros en ausencia do neerlandés.

Se é quen de ser fiel ao seu mellor nivel defensivo e alcanza o ritmo de xogo e intensidade das últimas citas, o Mundioma Peixegalego debería comezar o seu longo periplo como local de catro semanas cun triunfo restaurador. 

Comentarios