Pontevedra, cun ollo posto nun Nacional de marcha con aroma olímpico

Antía Chamosa, Carmen Escariz e Daniel Chamosa competirán no Campionato de España de 20 quilómetros marcha de Zaragoza
Os irmáns Antía Chamosa e Daniel Chamosa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Os irmáns Antía Chamosa e Daniel Chamosa. GONZALO GARCÍA

Antía e Daniel Chamosa loitarán polos postos de honra no Campionato de España de 20 kilómetros marcha que se disputará o próximo domingo á mañá en Zaragoza. 

Antía parte entre as favoritas ao podio da proba, a pesar de que non puido completar un bo inverno por mor dunha tendinite que condicionou a súa preparación, levada a cabo en terras andaluzas, entre Sevilla e Granada.

Raquel González Carrera e Cristina Montesinos son as  dúas principais rivais, a priori, da marchadora da Sociedad Gimnástica, dada a ausencia finalmente de María Pérez, dobre campioa mundial, que non tomará a saída por mor dunha lesión que a tivo parada nos últimos meses.

Pola súa banda, Daniel Chamosa agarda estar pelexando cos mellores da proba despois dun inverno no que tamén tivo algunha molestia física. O maior da saga dos Chamosa márcase como obxectivo estar dentro do grupo de cabeza para poder obter o pasaporte para o Mundial por equipos nacionais que se disputa en marzo en Ankara. España podería citar ata oito atletas nesa cita: cinco na proba individual de 20 quilómetros e tres nos 42 quilómetros de remudas mixtas por parellas.

O Campionato de España é ademais unha cita de gran valor dentro dos complexos criterios de clasificación olímpicos establecidas pola Federación Española.

A que non estará finalmente na proba de Zaragoza será a cuntiense Carmen Escariz, que despois de comezar o inverno batendo o récord galego de 10 quilómetros en Getafe, tivo que renunciar ao Nacional por mor dunha doenza de xeonllo que lle leva impedindo adestrar nos últimos meses

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios