Teucro vs. Eivisa: non é día para pensar na familia

Os irmáns Pereiro reencóntranse no duelo deste sábado ► Samu retorna a Pontevedra despois máis de dous meses xogando co seu irmán Álex
Os irmáns Pereiro volven ver as caras este sábado no Municipal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Os irmáns Pereiro volven ver as caras este sábado no Municipal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Sociedad Deportiva Teucro recibe este sábado ao Eivissa (20:00 horas) no Pavillón Municipal, coa intención de conseguir o pasaporte para a segunda rolda da Copa do Rei.

O bloque azul atravesa por unha das situacións deportivas máis complicadas da súa historia recente. Tres derrotas consecutivas no comezo da temporada de División de Honor Plata e as pésimas sensacións nos dous partidos a domicilio debuxan un panorama cando menos incómodo para o bloque que prepara Irene Vilaboa.

Será por iso que no conxunto da cidade do Lérez non están para celebrar reencontros. Regresa ao Pavillón Municipal un dos xogadores de maior valor do conxunto pontevedrés das últimas temporada, Samu Pereiro. E fronte a el terá ao seu excompeiro e irmán Álex Pereiro.

UNIÓN BREVE E INTENSA. Os porriñeses non tiveron tempo a máis de dous meses de convivencia no vestiario de Pontevedra antes de separaren novamente os seus camiños.

Entre os seus logros conxuntos, atópase a salvación da escadra lerezana nunha fase pola permanencia que resultou agónica.

Samu non chega a Pontevedra con afáns de salvador. Máis ben o contrario. Agora defende a un bloque que acumula tres triunfos no que vai de curso, que principiou cunha dinámica oposta á dos lerezanos e que arrecende á loita por cotas altas.

Todo o contrario que o Teucro, que leva tres derrotas de partida da competición. O líder do grupo B visita ao pechacancelas do grupo A, que non poderá contar coa participación de Miguel Sío, recentemente mancado de gravidade no xeonllo.

Para o Teucro é unha oportunidade para a reivindicación, a recuperación de sensacións e para non complicar a existencia e padecer máis problemas físicos nun colectivo que xa ten bastantes limitacións nese aspecto.

Comentarios