O Arxil, contra a súa historia

O equipo pontevedrés vive o peor inicio de temporada da súa historia na Liga Femenina Dos, lastrado polo baixo rendemento de Jannea Williams e a lesión de Cristina Díaz-Pache

20181021_JoseLuizOubina_111[1]
photo_camera Jannea Williams durante un partido del CB Arxil. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Sete derrotas en sete partidos. Pechacancelas e con pobres sensacións en moitos encontros. O Club Baloncesto Arxil busca solucións ao peor comezo de temporada desde que disputa a Liga Femenina Dos. Só na campaña 2012-13 tivo unha serie tan mala no principio do exercicio. Daquela tampouco gañara ningún partido a estas alturas do curso e tamén era pechacancelas. Iso si, metera e encaixara bastantes puntos menos (312 a favor e 431 en contra, fronte ao balance actual de 386 metidos e 525 encaixados).

Maite Mández dálle voltas á situación do equipo para atopar respostas. Fala de problemas físicos, técnicos, de acerto, pero tamén do aspecto psicolóxico. «Facendo unha análise xeral percibimos que hai un bloqueo mental que nos impide saír á pista como desexariamos todas, incluídas elas, que son as que máis amoladas están con esta situación».

Sen embargo, un asunto preocupa especialmente ao club: o baixo rendemento das xogadoras chamadas a marcar diferenzas. Nese aspecto, a fichaxe de Jannea Williams está a ser unha auténtica decepción. A cinco estadounidense promedia menos de seis puntos e algo máis de cinco rebotes por partido, para unha valoración de cinco créditos, insuficiente se se ten en conta que foi fichada para ser a referente do equipo. «Jannea non cumpre en absoluto as expectativas que o club tiña sobre ela», relata Méndez.

Jannea non cumpre en absoluto as expectativas que o club tiña sobre ela

O Arxil sempre foi un equipo cun claro referente no xogo interior. Tatiana Keshler, Maimouna Diarra ou Minata Keita foron referentes na categoría. Ese poderío interior é inexistente agora, nos dous lados da cancha. «Eramos un equipo que estaba próximo aos 30 rebotes por partido e agora non chegamos a 20. Unha pívot determinante é fundamental. Ademais sempre mantivemos un gran traballo defensivo grazas ao poder de intimidación na zona e este ano non o estamos a conseguir».

O club non desbota ningunha posibilidade ao respecto da composición do seu plantel e está a sondear o mercado, aínda que polo de agora non atopou a ningunha xogadora que sacie as súas necesidades.

Cristina Díaz Pache seguirá de baixa varias semanas máis por unha lesión na man

«Tódalas semanas valoramos medidas a tomar e os parámetros de espazo e tempo nos que as aplicaremos», advirte a adestradora verde, que lembra que Casandra Ourlers debe solucionar uns problemas burocráticos esta semana en Estados Unidos. Mentres non o faga, non quere tomar ningunha determinación. «Estamos a intentar que non se perda ningún partido e poida retornar para xogar a seguinte xornada», explica Méndez, que tamén lle enviou un recado a Sierra Clark, a norteamericana fichada no verán que marchou a unha semana do comezo da Liga. «Non foi profesional».

A iso hai que sumar que a catro Cristina Díaz-Pache sufriu unha lesión nunha man durante un adestramento que podería mantela fóra das canchas de xogo durante varios meses.
«Estaba chamada a ter unha gran continuidade despois da temporada pasada tan boa que realizou». A can fraco...
 

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios