Balonmán

O Cisne quere levantar o voo contra o Alicante

O equipo pontevedrés pretende rachar a súa xeira de cinco xornadas sen gañar para afianzar o liderado no grupo polo ascenso a Asobal perante un dos conxuntos con maior orzamento da categoría
HQR BALONMANO Cisne Burgos Jugadas ambiente banquillo Pabellon Municipal de los Deportes
photo_camera Iván Calvo e Carlos Álvarez disputan un balón dividido ante un rival nun partido desta temporada. GONZALO GARCÍA

Todo partido  é bo para lograr un punto de inflexión positivo. Por iso, como calquera outra visita, a do Alicante é a ocasión ideal para que o Cisne principie unha renovada etapa que lle permita pelexar polo ascenso a Asobal ata o remate da campaña.

A escadra preparada por Jabato intentará poñer fin á súa longa serie de cinco encontros sen colleitar un triunfo na chegada dun dos favoritos a subir ao comezo do curso, que segue coas aspiracións intactas, aínda que non nunha situación tan favorable como se podía prever ao comezo da campaña.

O cadro pontevedrés pretende dar continuidade á mellora ofrecida a pasada fin de semana no seu desprazamento a Málaga, onde rescatou un punto a domicilio. A igualada en chan andaluz concedeu un respiro á dinámica negativa que levaba arrastrando o conxunto no último treito da primeira fase e no comezo da loita polo título. E fíxoo mercede á sensible mellora nun apartado do xogo: o defensivo. Na súa serie dun mes e medio sen vencer (a última vitoria data do 16 de febreiro contra o Villa de Aranda en chan burgalés), os pontevedreses non foran quen de deixar aos seus adversarios en menos de 30 goles en ningún caso. O Soria fixéralles 34 dianas, o Guadalajara, 31, o Burgos, 39 e o Eivissa, 31. 

O equipo pontevedrés leva dous meses sen encaixar menos de 29 goles

Todo principiara mesmo antes do duelo contra o Villa de Aranda, cos 31 tantos recibidos fronte ao Alcobendas no Municipal. O Cisne pasou de encaixar máis de 28 dianas en só dous duelos ata o 12 de febreiro, a encaixar sempre, desde aquel momento, máis desa cifra. En Málaga deixou atrás os 30. Agora debe darlle continuidade á mellora voltando a unha cifra inferior de dianas en contra. 

A pesar de todo o negativo que se queira encontrar e da mala xeira das últimas semanas, o Cisne chega á cita como líder da categoría, con 13 puntos, mentres que o seu contrincante desta sesión ten nove e unha dura remontada que afrontar. 

O cadro alacantino é a irregularidade feita escadra. Están nunha dinámica similar ao Cisne, aínda que parece que atallaron a súa decadenza dunha maneira algo máis contundente. Levaban catro xornadas sen triunfar, principiaran a segunda fase cunha durísima derrota en Burgos (37-23) e reaccionaron contra o Guadalajara dándolle un bo repaso (37-27).

O Alicante gañou de malleira un partido e perdeu o outro de maneira contundente no comezo da segunda fase

O valor dos puntos é difícil de calcular a longo prazo, pero fácil de expoñer en forma de contas: de gañar, o Cisne afastará a seis puntos ao seu visitante de hoxe, que con nove puntos ocupa o denso grupo intermedio dunha táboa moi apertada. Se gañan os alacantinos, ademais de ter moitas opcións de ceder a primeira posición, a escadra de Jabato verá achegárselle a dous puntos a un contrincante temible e facilitará o estreitamento das distancias entre os participantes.

A chegada do porteiro Roney Franzini, que xa puido debutar en Málaga, concede esperanza ao bloque pontevedrés. Non só serve para mellorar a dinámica defensiva do colectivo na procura de recuperar as súas sensacións en cancha propia, senón para facilitar o xogo veloz que permita ao bloque evitar a sempre delicada burocracia dos ataques estáticos na que se viu inmerso desde o treito final da primeira fase.

Comentarios