O Compostela será o seguinte rival do Pontevedra Club de Fútbol no seu intenso comezo de temporada. O bloque granate mediráse á escadra santiaguesa despois do esixente encontro contra o Valladolid Promesas e antes de medirse contra o outro gran candidato, a priori, para ocupar a praza de ascenso directo a Primeira Federación, o Numancia.
O conxunto compostelán veu de renovar o seu plantel de maneira considerable e de mudar a súa aposta e a súa estrutura con respecto á temporada pasada, na que ficou moi lonxe dos obxectivos que se propuxera, sen sequera lograr praza para a disputa da promoción polo ascenso, cando aspiraba a competir polo título do grupo que finalmente foi para o Ourense CF.
Os trocos comezan pola dirección deportiva e o banco. Manuel Castiñeiras foi o encargado da dar vida ao proxecto 2023-24, pero causou baixa no club aos dous meses de principiar a campaña pasada. Colleulle o testemuño Víctor Pazos, que afronta o seu primeiro inicio de exercicio ao temón. O banco é para Antón Permuy, home da casa que xa finalizou a temporada pasada.
A intención é a de apostar por xente nova, probablemente con menos nome que a que chegara había un ano, e mesmo por homes procedentes do filial, o Sigüeiro. O Compostela pretende reforzar a identidade propia. Proba diso é a continuidade de mozos como Kike Vidal, Roque e Hugo Matos. Tamén segue o veterán da casa Manu Barreiro, un dos dous exgranates que restan no plantel xunto a David Soto.
Doce baixas e dez fichaxes
Marcharon doce futbolistas da temporada anterior, moitos deles moi recoñecibles, cunha longa traxectoria e que nalgúns casos parecían afianzados dentro do Compostela, como o veterán arqueiro Pato Guillén. Ademais, causaron baixa Monzó, Escoruela, Samu Araújo, Pep Caballé, Antón de Vicente, Jordan, Manu Ramírez, Jaime Santos, Parapar, Juampa Barros e David Grande.
Chegan ao colectivo procedentes doutros clubs os porteiros Rabanillo (Guijuelo) e Iago Domínguez (Mirandés B); os defensas Ocaña (San Sebastián de los Reyes) e Manu Rivas (Atlético Arteixo), os centrocampistas Santi de Prado (UD Ourense), Diego González (Guijuelo), Fer Cano (Tarazona), Bertino (Formentera) e Óscar Gil (Gran Peña) e o dianteiro Carlos Cinta (Badajoz). A eles hai que agregar que soben do Sigüeiro Xoel Trasancos e Landeira.
Con moitas novidades, un bloque por ensamblar sobre unha base dalgúns veteráns que deben liderar o colectivo, como os dous ex do Pontevedra ou Pablo Antas, o Compostela esperta certas dúbidas sobre cal debe ser o seu lugar dentro da categoría. Sobre o papel, nas apostas aparece un chanzo por debaixo do cadro granate e o Numancia. Deberá falar o verde.
Mal comezo santiagués
O seu comezo de curso foi con derrota en Los Pajaritos ante o propio Numancia (2-0), que lle fai pechar momentaneamente a táboa, empatado co Llanera e o Coruxo.
Nese partido, o seu técnico non puido botar man nin de Álvaro Casas nin Pablo Antas, mancados os dous na pretemporada e cuxa participación no duelo contra o equipo granate en San Lázaro o domingo (17:00) está no aire.
Non é o derbi galego máis clásico da historia da competición, xa que a actual Sociedad Deportiva Compostela, refundada trala desaparición do club orixinal en 2006, tendeu a competir en categorías diferentes ás do Pontevedra. Iso si, no último lustro conviviron máis tempo do que permaneceron afastados.