O escudo volve súar

Campillo, na bancada do campo sintético da Xunqueira. DAVID FREIRE

Campillo recoñece a súa especial conexión coa afección do Pontevedra. "O agarimo sempre será mutuo" ▶Disputou o seu primeiro envite como granate tras dous anos. "Foi moi emotivo"

Campillo séntese querido, pero non sabe moi ben por que tanto. "Nunca me preguntei o por que", admite.

O vigués é deses xogadores que contaxian a súa emoción. O seu carácter (e o seu rendemento) durante a súa primeira etapa como granate convertérono nun referente para a afección de Pasarón. Di que simplemente pretendía facer ben o seu traballo. "Cando saio ao campo, intento facelo o mellor posible e déixoo todo no campo. Quizais a afección o notou e tamén se sentiu identificada con aquel equipo do ascenso no que sempre o dabamos todo. Era un plantel que lle transmitía moita enerxía á xente e a min tocoume estar dentro do campo".

A bancada de Pasarón, entendida en intanxibles, soubo interpretar que este guerreiro era un dos maiores representantes dos valores daquela escadra. "Pois debeu de ser esa irmandade cos seareiros. Ata hoxe: vas pola rúa, recoñécente e chámante… Iso motiva. Os xogadores e a afección teñen que ser un".

O caso é que, dous anos despois, o central se volveu emocionar nun partido oficial coa elástica de Pasarón. O escudo latexou de novo. Campillo fíxoo suar outra vez en Navalcarnero.

"Despois de que sucederan tantas cousas, regresaba con moita ilusión. Foi moi emotivo. Saín desde o quencemento con moitas ganas". Admite a súa emoción ao ver aos seguidores que acudiron desde Pontevedra (ou que xa viven en Madrid) a Navalcanrero para a animar ao equipo.

Campillo volveu sentir ese agarimo especial dos fieis do que fora o seu club entre 2014 e 2016. "Nótoo e é mutuo. Eu quero ao Pontevedra e vexo que son querido. Iso dáche confianza, ganas de xogar".

Na súa ausencia botounos en falta, especialmente na campaña pasada. "Na primeira temporada no Coruxo estiven moi ben, pero na segunda non tanto, física e mentalmente. Tiña a ambición de sentirme xogador nun estadio como Pasarón con esta afección, e a de buscar cousas grandes. O cariño é mutuo e espero que o sexa por moito tempo".

Canto ao seu rendemento no duelo do sábado pasado, admite que "hai que ir collendo o ritmo. Estar sen xogar os dous primeiros partidos notouse, pero o adestrador sabe que vou intentar dar sempre o cen por cento".

Despois de que pasase, Campillo aclara porque non renovou no seu momento no Pontevedra. "Circunstancias. As negociacións rompéronse nun momento dado. O Pontevedra posteriormente quería que volvese, pero eu comprometérame co Coruxo. Eu son unha persoa cuns principios e non podía dicirlles que non despois de darlles a miña palabra. Sabía que non acabara mal nin con Lupe, nin con Roberto Feáns, nin coa afección. Agradezo a confianza que volveron ter. Intentarei non defraudar para axudar a levar ao PCF o máis arriba posible".

Carrillo, no adestramento


A flamante fichaxe do Fútbol Club Barcelona xuvenil, Coke Carrillo, asistiu este luns ao adestramento do Pontevedra acompañado pola súa nai e a súa irmá para saudar aos seus excompañeiros do Pontevedra da pasada temporada, cos que estivo falando ao concluír a sesión no campo da Xunqueira.