"O 'Hai que Roelo' enraizou na xente máis có 'Superdépor'"

Antonio Cendán, vilalbés de nacemento, presenta este venres na Boa Vila a súa novela sobre a Galicia dos anos 60 e o fenómeno que supuxeron na época os éxitos do Pontevedra

Antonio Cendán, en Vilalba coa súa novela. EL PROGRESO
photo_camera Antonio Cendán, en Vilalba coa súa novela. EL PROGRESO

PONTEVEDRA. Existe un vilalbés de nacemento tan afeccionado do Pontevedra que covertiu a etapa máis gloriosa do club granate nunha novela. Antonio Cendán presenta este venres (Espazo Lector Nobel, 19.30 horas) a súa obra "Hai que Roelo", na que aproveita o gran fenómeno que supuxeron os éxitos do equipo granate para contar a evolución da Galicia dos anos 60.

Cendán (Vilalba, 1968) estudou xornalismo na Complutense e fixo a súa tese de doutoramento sobre os medios de comunicación en Galicia. Aí, nese estudo, naceu o xerme da que agora é a súa primeira novela: "Nesa investigación descubrín a presenza e o impacto que tivo o Pontevedra Club de Fútbol. Foi un fenómeno curioso que perviviu 50 anos".

"O meu pai e avó ían desde Vilalba a ver o Pontevedra"

O autor da obra literaria sinala que "o do "Hai que Roelo" foi un equipo que enraizou moito na base da xente e dos afeccionados". "Os dous grandes equipos, Dépor e Celta, non atravesaban un gran momento e iso axudou ao Pontevedra. Gañou o agarimo porque converteuse nun mataxigantes. Medrou desde abaixo. Pasarón era un fortín", destaca Cendán.

De feito, o vilalbés apunta que o "Hai que Roelo quedou máis gravado no corazón da sociedade có mellor Celta ou mesmo có 'Superdépor'. Daquel equipo lémbrase, por enriba de todo, a figura de Arsenio Iglesias. Pero a xente recorda toda a aliñación daquel Pontevedra".

De feito, o fenómeno do conxunto granate foi tal naquel momento que Antonio Cendán colleulle agarimo ao Pontevedra por herdanza familiar: "Na miña familia había afección ao deporte. Meu pai e meu avó (aos que vai adicado o libro) ían a Pontevedra a ver o fútbol. Agora está lonxe, pero imaxina daquela. Eu aínda non nacera, pero quedoume o cariño. Na familia sempre tivemos predilección pola zona das Rías Baixas".

"A xente que tiña conciencia de Galicia vía no equipo un exemplo. Eran traballadores"

Ademais, o xornalista apunta que o Pontevedra tiña moitos afeccionados en Lugo: "Aínda hoxe vas aos bares de Vilalba e alomenos sae o nome do "Hai que Roelo" unha vez á semana".

O autor nunca esqueceu esa afección ao Pontevedra e conta que cando o conxunto da Boa Vila foi a xogar a Vilalba, en 2011 na Terceira División, el foi en plan "carallada" a "animar ao equipo" pese a que todo o pobo ía contra os granates. "Non houbo problema, porque a xente sabía que ía medio en broma. Pero aínda así, nesa broma, o corazón tiraba co Pontevedra", lembra.

PARALELISMO. O lucense profunda máis no fenómeno que supuxo o equipo granate, que tiña un certo paralelismo coa situación da Galicia daquel momento. "O fútbol estaba mal visto por algunhas elites e polos universitarios, aínda que logo, na intimidade da súa casa, algún lese prensa deportiva", apunta Cendán, que sinala, sen embargo, que "o Pontevedra si estaba máis preto da xente que tiña conciencia de Galicia porque vían nel un equipo de traballadores". "No 1966 foran subcampións de inverno!", recalca antes de apuntar que, durante a súa investigación, leu un artigo de prensa "no que se comparaba a evolución da Galicia da época coa do PCF. Titulábase Un tren de progreso".

Na novela, o autor trata de facer un retrato costumbrista daquela Galicia. "A segunda metade dos 60 foi bastante movida e convulsa. En Galicia había cousas pero facíanas moi poucos. De feito, dicían que había máis galegos en Basilea que estudantes en Santiago", expresa Antonio, quen establece un triple fío narrativo: futbolístico, social e político. Todo iso nárrase a través das andanzas de tres persoeiros moi diferentes. Uns progresistas, outro, moito máis tradicional. Deste último Cendán sinala que "é Amador Sanfiz, chairego e xornalista, que representa ao típico galego da época de interior porque tiña o sentido do particularismo: se a el lle ía ben, daba igual como lle fose ao resto".

Agora, Antonio Cendán agarda que o lector se somerxa nesa Galicia de hai 50 anos e, con motivo do fútbol, reviva aquela época na que o país trataba de progresar co Pontevedra como exemplo.

Comentarios