A Cultural Leonesa sóbelle o listón ao Mundioma Marín Peixegalego

O conxunto de Javier Llorente procura a cuarta vitoria da temporada contra o tamén invito conxunto leonés, máximo anotador da categoría nas primeiras xornadas

Daniel de Villalobos entrando a canastra nun partido de liga. GONZALO GARCÍA
photo_camera Daniel de Villalobos será baixa no Mundioma Peixegalego en León. GONZALO GARCÍA

O Mundioma Marín Peixegalego disputará este sábado en León un dos partidos máis esixentes que afrontará na presente temporada, contra a Cultural y Deportiva Leonesa. O bloque preparado por Javier Llorente visita ás 18.30 o Palacio Municipal dos Deportes de Léon no que será o retorno a casa do preparador do cadro marinense.

Será un enfrontamento entre conxuntos invitos, con estilos e composición de planteis ben diferentes. A escadra do Morrazo deu a sorpresa na primeira xornada do curso batendo o Círculo de Gijón, desfíxose posteriormente do Cultural Covadonga en Oviedo con claridade e sufriu algo máis para impoñerse ao La Flecha a pasada fin de semana.

Mentres, o quintento leonés conseguíu triunfos perante o Cultural Covadonga no arranque, outro moi contundente fronte La Flecha a domicilio na segunda xornada e na pasada fin de semana desfíxose a domicilio do Santo Domingo Betanzos.

O Peixegalego afronta este treito de competición con dificultades de número. O seu xa curto plantel sofre as ausencias de Zach Monaghan (aínda non solucionou os problemas burocráticos que lle permitan pasar a formar parte do plantel azul) e o mancado no xeonllo Daniel de Villalobos.

No caso oposto, a Cultural ten un plantel moi longo e equilibrado, con once xogadores na rotación. Enfronte estarán o mellor ataque da liga, o dos leoneses, fronte á segunda mellor defensa, a dos marinenses.

Comentarios