0-1. Pedro Vázquez dálle os tres puntos ao Pontevedra no campo do Burgos

O equipo granate, que dominou a primeira parte e mantivo por cuarto encontro consecutivo a portería a cero, acabou con dez xogadores pola expulsión de David Castro

Un lance del partido entre el Burgos y el Pontevedra. DP
photo_camera Un lance do partido entre o Burgos e o Pontevedra. DP

O Pontevedra Club de Fútbol encadeou a súa cuarta xornada sen perder nin encaixar e a súa segunda vitoria fóra da casa en El Plantío. O cadro de Luismi bateu por 0-1 ao Burgos grazas a un gol de Pedro Vázquez mediada a primeira parte.

O once granate dominou a primeira metade contra un rival sen ideas e con dificultades para xerar ocasións de perigo e combinar con velocidade e precisión. A presión avanzada do Pontevedra e a súa orde defensiva permitiulle ir gañando enteiros a medida que pasaban os minutos e dispoñer das primeiras chegadas perigosas á portería de Saizar. Pedro Vázquez concretou ese dominio no marcador cunha grande acción persoal.

Despois do gol, o cadro pontevedrés conservou o control do partido fronte a un rival no que só inquedaba o estremo Annor. Ao descanso chegouse despois de que Romay e Pedro Vázquez dispuxesen de cadansúa ocasión para ampliar o 0-1.

Despois do descanso, o Burgos intentou gañar metros, pero o Pontevedra seguiu xerando perigo, por medio do recén entrado no campo Álex González. Unha ocasión de Cervero para os burgaleses e unha falta de Mouriño para o Pontevedra foi o preludio a uns últimos minutos nos que o árbitro expulsou a David Castro por dobre amoestación e os locais intentaron a igualada á desesperada. Sen embargo, o acoso castelán non se traduciu en empate debido a cadansúa intervención individual de Víctor Vázquez e Edu Sousa.

Comentarios