O sentido de correr

Fundado en 2011, o Club Atletismo Cambados subiu un segundo chanzo cando fundou a sección de running. Hoxe, os seus deportistas divídense entre os 100 que forman parte das escolas deportivas e os preto de 80 másters

Na entidade apostan por que tódalas disciplinas teñan presenza e tódolos rapaces se sintan parte do club. A maneira de
facelo é aproveitar as mellores condicións de cadaquén para que poida practicar a modalidade que mellor se lles adapta, de forma que se sintan importantes. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Na entidade apostan por que tódalas disciplinas teñan presenza e tódolos rapaces se sintan parte do club. A maneira de facelo é aproveitar as mellores condicións de cadaquén para que poida practicar a modalidade que mellor se lles adapta, de forma que se sintan importantes. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O atletismo do Salnés adquire sentido grazás ao Club Atletismo Cambados. Embutidos na clásica cor amarela que viste outros conxuntos da localidade, preto de 200 deportistas representan o escudo do conxunto en probas federades e populares.

Fundado en 2011, o Club Atletismo Cambados subiu un segundo chanzo na súa historia en 2014, cando fundou a sección de running. Hoxe, os seus deportistas divídense entre os 100 que forman parte das escolas deportivas e os preto de 80 másters que manteñen a forma e corren no equipo de carreiras en rota ou trails.

Este departamento do club naceu cun grupo de 25 deportistas, que foi medrando ano a ano ata superar a centena nos momentos de maior auxe do atletismo popular, na década pasada.

Ao contrario do que acontece coas categorías base, nas que hai máis nenas que nenos, no running hai clara maioría masculina entre os compoñentes.

Coordinados polo adestrador Maxi Oubiña, os atletas do Cambados traballan para mellorar, cada un ao seu ritmo e posibilidades, sempre co fondo como disciplina: 10K, trails, medias maratóns, maratóns e outras probas máis curtas de distancias diversas.

E aínda que gañar non é unha obsesión, o Cambados é un equipo moi competitivo no seu entorno. Acumula triunfos tanto individuais como colectivos ao longo dunha década de historia.

En total, acumula máis de 20 podios en clasificacións por equipos das diferentes probas e circuítos nos que leva participado e 37 metais en campionatos galegos das diversas distancias e grupos de idade desde a pandemia da COVID19, que obrigou a incrementar o número de licenzas federativas para poderen competir.

Os corredores séniors oscilan entre os 30 e os máis de 60 anos de idade e máis alá de competir, non esquecen o máis importante: "socializar. Somos unha gran familia, co seu núcleo duro, que leva desde as orixes", explica o propio Maxi Oubiña.

44 compoñentes da entidade culminaron xa maratóns, cando hai dez anos só o fixeran catro. Preto de vinte deles baixaron do umbral das tres horas, un rexistro moi respectable no maratón.

Entre o legado do club, quedará a fundación e organización da San Silvestre de Cambados, a única que sobrevive na comarca do Salnés. Tamén aspira a organizar un cros no outono, para preparar as competicións oficiais que se organizan desta disciplina a finais do outono e comezos do inverno.

Se algo xustifica a existencia do club é a súa vocación formativa cos rapaces. Á fronte da sección de atletismo para menores atópase Joaquín Rodiño, Quinso.

O traballo intenta ser o máis cercano e dedicado posible e iso implica, en ocasións, renunciar a inscripción de máis rapaces. "Non queremos que os grupos sexan demasiado amplos, para poder darlle atención a cada neno", comenta o presidente Fernando Patricio.

A filosofía da base céntrase sobre tres eixos: integración, formación deportiva e fomento da práctica e a saúde. "Traballamos cos rapaces para conseguir que fagan deporte e coa intención de facerlles sentir que están todos incluidos", explica Quinso ao respecto.

Así, desde a entidade apostan por que tódalas disciplinas teñan presenza e tódolos rapaces se sintan parte do club.

A maneira de facelo é aproveitar as mellores condicións de cadaquén para que poida practicar a modalidade que mellor se lles adapta, de forma que se sintan importantes. "Non queremos que se vexan últimos correndo, senón que se vexan primeiros lanzando peso", resume Quinso para explicar a mentalidade.

Ese factor integrador non pecha portas ao talento. De feito, o club ten unha serie de resultados positivos nos últimos tempos, como a prata de Sofía Núñez no salto de altura benxamín feminino do Campionato Galego e o tamén subcampionato de Daniela Bayón nos 2000 metros en categoría sub-14.

Eles intentan ir tralos pasos da talentosa medio fondista Celia Castro, ouro nacional sub-18 de 800 metros lisos, todo un espello no que os rapaces do Cambados poden verse reflectidos.

Referentes das probas populares

O equipo de running do Club Atletismo Cambados pode presumir de triunfos. Ao longo dos seus dez anos de vida, conseguíu resultados brillantes en carreiras populares, pero tamén en campionatos galegos e en trails.

Os torneos autonómicos contan no seu palmarés con varios metais da escadra amarela. En 2022, o conxunto feminino foi bronce do campionato galego de media maratón de Pontevedra.

Deportistas como José Luis Padín, Santi Falcón, Lupe Vilar, Maxi e Ramón Oubiña, Manu Piñeiro ou Óscar Guerra están entre os protagonistas dos podios obtidos polo conxunto na primeira década de vida da sección de running.

Os éxitos deportivos son un bo motivo para seguir progresando, para continuar cos adestramentos e preparando seguintes obxectivos. Se algo destaca do Cambados Atlétismo é a presenza de nutridos grupos de deportistas nas probas nas que comparecen.

Ademais de ser un conxunto deportivo, ten un notable espírito de familia, forxado ao longo dos anos. E é que a meirande parte dos corredores fundadores do colectivo seguen vestindo as cores amarela e negra.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios