"Obsesionarnos co play-off suporía presionarnos a nós mesmos"

O xogador do Pontevedra, Adrián Mouriño, lanza un cúmulo de mensaxes positivas: a dinámica negativa acabará pronto, o Pontevedra non ten nada que ver co que padeceu tantas dificultades na campaña pasada e o gol volverá cedo e, cando o faga, o equipo será igual de competitivo ca sempre
Adrián Mouriño.
photo_camera Adrián Mouriño.

ADRIÁN MOURIÑO é unha das referencias para afección de Pasarón. A súa calidade individual e o seu carácter convérteno nun elemento indispensable dos equipos de Luisito. Con menor protagonismo que no exercicio pasado debido á gran competitividade interna que existe no plantel do actual curso, o centrocampista amósase optimista de cara ao futuro do conxunto granate. Está convencido de que o Pontevedra vai remontar o voo e poñer fin á súa xeira de resultados, empezando polo partido de Ferrol de mañá.

Afrontan o encontro ante o Racing na Malata como un enfrontamento de rivalidade rexional ou é un aspecto ao que non lle conceden demasiada importancia?

Dá igual que sexa un derbi ou non. Para nós tódolos partidos a partir de agora son igual de importantes e polo tanto debemos tratalos da mesma maneira. O fundamental neste momento é sumar os tres puntos e por iso imos coa intención de gañar na Malata.

Onde pode estar a clave do éxito do seu equipo no partido contra o Racing de Ferrol?

En facer o mesmo plantexamento que levamos facendo desde sempre. Sempre somos fieis ao noso estilo e ao noso xogo e non debemos cambiar. Creo que facéndoo así imos ter éxitos. Tivemos mala sorte nos últimos cinco partidos, nos que non colleitamos vitorias, pero se seguimos coa mesma forma de traballar os resultados positivos van volver.

"O preocupante sería que non tivesemos ocasións claras, pero estamos xerándoas en case tódolos partidos"

Están preocupados por esta dinámica negativa de derrotas e de falta de gol?

Non o estamos. O preocupante sería que non tivesemos ocasións claras, pero estamos xerándoas en case tódolos partidos. O importante a partir de agora será que materialicemos as oportunidades que xeramos. Os resultados van chegar. Estamos moi tranquilos e creo que iso é anecdótico. No momento no que entre a pelota vai cambiar a dinámica do conxunto e vai ir para arriba. Hai que ter a confianza de que imos darlle a volta a isto.

Como está o plantel de motivación? Están tódolos seus compañeiros tan optimistas coma se mostra vostede?

Estano. Sabemos que isto é unha circunstancia que se está a producir. Tampouco era normal o que levabamos feito ata agora. A nosa dinámica era moi boa. Ter un baixón e perder algúns partidos é algo lóxico. No fútbol non se van dar as cousas sempre como un quere. Estamos a pasar por xeiras boas e malas. O fundamental é estarmos todos xuntos. Temos un grandísimo vestiario, un plantel moi bo, longo e compensado. Isto é algo pasaxeiro. Temos a confianza de que a partir do domingo a cousa vai mudar. Imos coa idea de ir partido a partido e iso seguro que nos vai permitir gañar na Malata. Sabemos que eles tamén están moi necesitados, pero nós estamos moi confiados de que imos conseguir os tres puntos e a partir de aí, ir cara arriba.

Sabe que cando un equipo ten unha mala dinámica de resultados todo o mundo apunta ao estado físico. Como se senten fisicamente os futbolistas do Pontevedra?

Cando se dan malos resultados, bótaselle a culpa a todo, tanto ao nivel mental coma ao estado físico. Eu non creo que esteamos mal fisicamente. Estamos a vivir unha circunstancia en canto a resultados que cambiará. Se en Ferrol se produce unha vitoria nosa, a perspectiva sobre o equipo vai ser outra completamente distinta. Nós estamos moi tranquilos, porque ocupamos un posto que é un privilexio. Levamos unhas cantas xornadas ocupándoo. Esperamos que se prolongue o domingo porque vimos facendo as cousas ben e cremos que o Pontevedra debe estar nese posto.

"Temos un grandísimo vestiario, un plantel moi bo, longo e compensado. Isto é algo pasaxeiro"

Pensan no play-off?

Non nos fixamos agora mesmo. Se nos obsesionamos con iso, suporía presionarnos a nós mesmos. O mellor que podemos facer é o que levamos facendo ata agora: traballar os encontros cada semana para intentar sumar puntos e sobre todo gañar, que é a nosa mentalidade. Se tivesemos a percepción de que non podemos vemcer nun campo, tampouco o diría. A realidade é que podemos faceloen calquera campo. O Pontevedra vaille facer fronte a calquera equipo e pode gañarlle a calquera.

Nin sequeran soñaron coa posibilidade de disputar unha eliminatoria de ascenso a Segunda en Pasarón?

Soñar, eu teño soños todolos días. Son unha persoa con facilidade para soñar. Pero temos que ter os pés no chan e traballar día a día.

A segunda volta da temporada pasada do Pontevedra non foi demasiado boa e iso fai que algúns afeccionados se poñan nerviosos pensando que se repetirá a historia. Que percepción teñen desde dentro vostedes?

Non vexo paralelismos con aquela situación. De todas maneiras, pódolle responder a esa pregunta ao remate da temporada. Se quere sentamos e valoramos todo cando conclúa a campaña e compararemos a temporada actual e a anterior. Xa lle avanzo que non vai ser o mesmo. De feito estou seguro de que vai ser totalmente diferente o que sucedeu entón ao que vai acontecer agora. Lémbrese deste momento no que llo digo. Estamos moi tranquilos, pensando no que vai suceder no partido do domingo.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios