Obxectivo con dúas frontes

O Pontevedra pecha o ano nos tres primeiros postos do subgrupo 1-A, aínda que coa peor puntuación dos seis cadros que disputarían a loita polo play-off na segunda fase da temporada
Unionistas, o mellor equipo dos grupos 1-A e 1-B,  loitaría por prazas de play-off co Pontevedra se a temporada rematase hoxe. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unionistas, o mellor equipo dos grupos 1-A e 1-B, loitaría por prazas de play-off co Pontevedra se a temporada rematase hoxe. GONZALO GARCÍA

Por primeira vez na historia da Segunda División B, os clubs participantes da categoría teñen que andar pendentes do que ocorre en outro grupo para ter máis claro o seu destino.

De rematar a Liga neste momento, o Pontevedra disputaría a liguiña clasificatoria para o play-off de ascenso a Segunda, pero sería o último clasificado dos seis que formarían o grupo da segunda fase, debido aos seus trece puntos. Sería unha situación que asinaría, seguramente, o corpo técnico e directivo do club granate ao comezo do curso, pero que pon de manifesto que a competición ten aberta frontes no presente que afectan ao futuro.

A igualdade foi a máxima neste comezo de campionato, no que o PCF é o terceiro en discordia do grupo 1-A. Os granates teñen dous puntos menos que o Deportivo e catro menos que Unionistas, o sorprendendente mellor equipo da suma dos dous subgrupos.

Se a igualdade é moi grande no sector dos conxuntos galegos e salmantinos, moito máis o é no de asturianos e demais casteláns-leoneses. Ata tres escadras están empatadas a 14 puntos nos postos elevados da táboa: O Valladolid B, o Langreo e o Burgos.

Dada a marxe tan breve de tempo da que dispoñen os equipos para conseguir os resultados, as diferenzas vense reducidas á mínima expresión e a tensión viuse incrementada.

Non vai haber apenas tempo para realizar unha criba nas 18 xornadas das que se compón a primeira fase. Así se demostra polo momento no subgrupo 1-B, no que só dous puntos separan ao propio Pontevedra, terceiro, do Celta B, sétimo. Un partido distánciaos, pero se agora comezase a segunda fase, os celestes xogarían por evitar o descenso a Terceira e os granates polo ascenso a Segunda.

Nese grupo atópanse o Racing de Ferrol (12), o Zamora (12) e o Compostela (11). Por debaixo, coa obriga de remontar, están o Coruxo (7), o Guijuelo (6) e o Salamanca CF UDS (3). Dada a gran cantidade de equipos que descenden, teñen un duro traballo por diante para obter a salvación.

GRUPO 1-B. No grupo 1-B, as diferenzas son mesmo menores. O liderado e a zona de descenso están distanciadas por un só partido. Os 14 puntos dos tres de cabeza non lles conceden osíxeno perante a Cultural Leonesa (13), o Lealtad (13), o Numancia (12) ou mesmo o Oviedo B (11).

O Covadonga (6), o Sporting B (6) e o Marino de Luanco (5), teñen traballo por diante para intentar eludir as últimas catro prazas e, se non o logran, para sumar a meirande cantidade posible de puntos para ter opcións reais de permanencia na liguiña da segunda fase.

Quédanlles 10 xornadas a tódolos equipos para saber se conseguen os primeiros ascensos do ano á Segunda B Pro (oficialmente Primeira División RFEF) ou se deberán loitar por evitar caer á Terceira División RFEF. E se a Terceira actual é un pozo, imaxinen o que será a nova.

Comentarios