Entradas a prezos populares por un obxectivo: encher Pasarón

O Pontevedra ofrece prezos populares e diferentes vantaxes para que os seus seareiros ateiguen as bancadas do campo municipal no partido de volta do play-off contra o Mensajero
Juan Abal, Lupe Murllo, José Pablo Galván e José Antonio Millán durante a rolda de prensa de onte
photo_camera Juan Abal, Lupe Murllo, José Pablo Galván e José Antonio Millán durante a rolda de prensa de onte

O Pontevedra citouse co xogador número 12 o próximo domingo en Pasarón. O club granate presentou onte a súa campaña de prezos para os afeccionados de cara ao partido de volta da eliminatoria de ascenso a Segunda B que o enfronta ao Mensajero.

A obxectivo do consello de administración da sociedade é que o campo do Burgo ofreza o mellor aspecto posible para animar aos futbolistas da súa escadra.

Os abonados á entidade terán que pagar cinco euros por asistir ao partido de volta que se disputará o próximo domingo a partir das seis da tarde en Pasarón. Iso si, se mercan unha entrada de público xeral para outro seareiro, poderán aforrar os cinco euros e acceder de xeito gratuíto ao estadio.

Os socios de categoría júnior ou infantil non terán que pagar en ningún caso.

No que respecta aos non abonados, os séniors que acudan á bancada de Tribuna deberán pagar 15 euros. Os seguidores que vaian a Preferencia, terán que abonar doce euros e os dos fondos, oito, se retirán a entrada no despacho de billetes de Pasarón o día do propio partido. Se a mercan na venda anticipada, os 1.000 primeiros en facelo en cada bancada, excepto Tribuna, pagarán dous euros menos.

Ademais, por unha doazón dun euro, os menores de 18 anos poderán acudir ao partido e obter unha camisola. Para acollerse a esta iniciativa, os interesados deberán persoarse no Híper Froiz de Cobián Roffignac - Santa Clara. A oferta só será válida para os 1.000 primeiros demandantes.

Ademais desas ideas, que contan coa colaboración de varias empresas da cidade que se sumaron á festa do play-off (Clínica Murillo, Sanifax, Supermercados Froiz, Conservas Pescamar, Frigoríficos Moldes e Bateamar), o club facilitará a entrada gratuíta a tódolos menores de seis anos.

Ideas. Os 50 primeiros afeccionados que se fotografíen con elementos de apoio ao Pontevedra (bandeiras ou camisolas granates, pancartas, etc) nos seus balcóns, ventás ou fachadas e envíen a imaxe a [email protected] serán invitados a presenzar o partido desde o Fondo Sur.

Por outra parte, as empresas que merquen dez entradas ou máis recibirán unha bandeira granate para dar corido á cidade. Ademais, o club creou unha oficina de atención ao afeccionado para atender tódalas ideas e peticións destinadas a crear un ambiente favorable ao equipo esta semana.

Comentarios