A piscina olímpica, a unha semana do peche

A Fundación comúnicalles aos clubs que clausurará a instalación o 31 de outubro se o Concello non asina o convenio da piscina olímpica
Asemblea xeral ordinaria do Sincro Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Asemblea xeral ordinaria do Sincro Pontevedra. DAVID FREIRE

A Fundación Rías do Sur planea pechar as portas do Complexo Deportivo de Ponte Muíños ao remate do presente mes de outubro. O órgano rector da instalación notificoulles aos clubs a súa determinación por mor do incumprimento por parte do Concello de Pontevedra dos acordos adoitados para o uso da piscina olímpica. O Goberno Municipal aínda non asinou o convenio baixo o cal a piscina de 50 metros volvía á actividade e pasaba á disposición dos clubs deportivos de auga da cidade, para levar a cabo os seus adestramentos e os seus partidos e campionatos. A cambio de albergar o deporte federado de auga da capital no centro, o Concello destinaría unhas cantidades económicas que abondarían para facer fronte aos gastos correntes.

O acordo entre o Goberno de Miguel Anxo Fernández Lores e a Fundación provén do pasado mes de abril. Desde a Fundación, o seu presidente, Héctor Vilariño, laiábase ante Diario de Pontevedra o pasado venres de que non só non estaba asinado o pacto, senón que ademais o Concello non ofrecía explicacións nin concretaba datas para levar a cabo a sinatura do mesmo.

Nese contexto, Vilariño manifestaba a súa preocupación e advertía da posibilidade de adopción de medidas, apelando a unha cuestión de supervivencia económica. Lembrou que durante os pasados meses a Fundación realizou importantes obras de mellora do complexo e que o feito de facer fronte aos gastos correntes derivados de manter a instalación aberta desde setembro de 2022 está a suporlle o esgotamento dos fondos propios. A iso hai que agregar que a falta dun documento selado impide dispor dun aval diante dunha entidade bancaria, ante a hipotética necesidade de solicitude dun préstamo.

Segundo puido saber este xornal, o Concello aclarou no seu momento que o convenio pasara a disposición da auditoria o 31 de xullo e requería dun tempo para poder recibir a aprobación.

Resta unha semana para que se faga efectiva a medida proposta pola Fundación, da que os principais prexudicados serían tódolos clubs da cidade, que acolleron a noticia como un forte golpe.

De asinarse, o convenio prolongaríase ata final deste ano. A vontade do Concello no momento do seu anuncio, o 31 de marzo, era o de poder prolongalo para garantir a estabilidade dos clubs de natación, natación sincronizada, salvamento e socorrismo e waterpolo.

Son cinco as entidades deportivas afectadas polo conflito da piscina. Aos usuarios máis habituais da mesma ata antes do peche da última empresa concesionaria, Supera, que son o Club Natación Galaico, o Club Galaico Sincro e o Club Waterpolo Pontevedra, hai que agregar agora o Club Natación Sincronizada Pontevedra e o SAPO, que tamén se ven acollidos polo convenio.

As cantidades achegadas polo Concello de Pontevedra estarían próximas aos 200.000 euros para permitir que os deportistas federados poidan seguir coa súa actividade de maneira regular e eviten a peregrinaxe por instalacións da contorna, como tiveron que facer durante meses, desde marzo do ano pasado ata marzo deste mesmo 2023.

Os presidentes plantéxanse a dimisión 

Os presidentes do Club Natación Galaico, Alberto Castro, e do Galaico Sincro, José Maquieira, plantéxanse abandonar os seus cargos se o Complexo Deportivo Rías do Sur volve pechar as súas portas. Ámbolos dous moi ilusionados pola marcha e revitalización das súas entidades despois do regreso á instalación, entenden que unha nova clausura sería un golpe mortal para os intereses das institucións que rexen.

Castro vese con forza e con moitos proxectos para seguir adiante, pero para iso precisaría que a piscina seguise adiante. No caso contrario, el e a súa directiva non atoparían sentido a seguir co seu esforzo. O Galaico Sincro tiña onte a asemblea xeral ordinaria de socios do club para presentar as contas e os orzamentos do próximo curso.

Na cita, Maquieira aproveitou para comunicar a inesperada novidade. O club traballaba en importantes ideas dentro dunha dinámica de consolidación dentro do panorama deportivo autonómico e dunha crecente relevancia e peso dentro do deporte local.

Unha nova peregrinaxe á procura de instalacións para poder levar a cabo a súa actividade suporía un paso atrás de consecuencias inexcrutables para os clubs.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios