Os goles son para os dianteiros

Quince dos dezaseis goles conseguidos polo de agora en liga polo Pontevedra foron obra dos seus atacantes ►Kevin Presa, autor dunha diana contra o Salamanca CF UDS, é a única excepción á regra

20181202_RafaFari_i1-45[1]
photo_camera Arruabarrena celebrando o seu gol contra o Rápido de Bouzas. RAFA FARIÑA

O Pontevedra Club de Fútbol tomou moi en serio os roles dos seus xogadores. Sobre todo en materia goleadora. O bloque da cidade do Lérez leva 16 goles a favor no que vai de Liga. Deles, 15 dianas foron conseguidas por atacantes: medias puntas ou dianteiros, e só un por un centrocampista, Kevin Presa. Os traballos de remate á portería contraria parecen monopolio dos futbolistas que habitúan a moverse por diante do balón.

A diana obtida polo medio centro ponteareán fronte ao Salamanca CF UDS supón a excepción á regra. Os demais autores de dianas foron a parella de noves do equipo de Luismi, Arruabarrena (5), que é o maximo realizador do plantel, e Javi Pazos (3), segundo mellor finalizador do equipo pontevedrés. Romay e Javi López fixeron dous tantos cada un. Ámbolos dous marcaron o pasado domingo contra o Rápido de Bouzas no Baltasar Pujales. Ademais, Álex González tamén meteu unha diana (contra a Cultural Leonesa na segunda xornada do campionato) e Pedro Vázquez materializou outra no triunfo conseguido polo Pontevedra no desprazamento a El Plantío.

Os defensas aínda non fixeron ningunha diana

En total, son sete os futbolistas do once pontevedrés que marcaron nas 15 primeiras xornadas de liga. O dato implícito máis significativo de todo isto é que os defensas
non lograron aínda ningún gol. É algo sorprendente, debido á importancia que adoitan ter os centrais nas accións a balón parado. Nese tipo de xogadas, ademais, o Pontevedra dispuxera na etapa recente de especialistas como Bonilla e Verdú, que tamén atoparan a portería contraria cando defenderon as cores granates.

A última que vez que acontecera algo semellante ao do actual curso foi na campaña do descenso de Segunda División B a Terceira, a 2010-11. Daquela os zagueiros tampouco estiveran acertados de cara á portería. De feito, o primeiro tanto obtido por un defensa do equipo de Pasarón nesa campaña fora asinado por Sergio Castaño na décimo sétima tirada do exercicio, contra o Leganés. As comparacións en tódalas demais facetas resultarían odiosas para os compoñentes daquela defensa (José Picón, Aitor Fernández, Sergio Castaño, Joaquín Pastor, Neru, Noel Alonso e Claudio Giráldez), xa que a meirande parte dos membros que a formaban estivo por debaixo do esixible dun equipo que pretendía competir pola zona nobre da táboa , pero que acabaría baixando a Terceira.

Os defensas deste curso, en cambio, están a mostrar un nivel que permite á súa escadra ilusionarse con pelexar cos mellores equipos do grupo I de Segunda División B.

O traballo realizador está moito máis repartido ca na temporada pasada, na que destacaba David Añón

Cos mesmos partidos disputados do campionato, o ano pasado marcaran David Goldar e Víctor Mongil. Entre os xogadores da parte avanzada do equipo o acerto estaba menos dividido: Añón fixera dez tantos, Etxaniz tres e Berrocal e Álex González, dous.

Curiosamente, a estas alturas do exercicio, o Pontevedra 2017-18 tiña mellores cifras de goles a favor que o de agora (marcara 21 tantos, polos 16 de hoxe). Iso si, tamén recibira bastantes máis: un 50 por cento máis: 15 neste momento, polos 23 de entón.

En liñas xerais, o grupo I mantén as cifras de goles a favor e en contra do pasado exercicio. Rexistráronse seis dianas menos neste curso ca no anterior. O equipo con máis facilidade para atopar o marco contrario polo de agora é o Real Madrid Castilla, que meteu 26 goles, un máis dos que conseguiran na mesma xornada do curso precedente o Toledo e o Fuenlabrada.

Os que menos puntería teñen neste curso son o Burgos (6) e o Rápido de Bouzas (7). O Cerceda metera oito goles na mesma xornada do ano pasado.

Comentarios