Pablo Bocelo e Solange Pereira vencen a milla urbana San Miguel

O atleta de Gimnástica e a do Valencia vencen a clásica proba marinense que acolleu a máis de medio milleiro de atletas nas diferentes categorías
Pablo Bocelo, gañador da Milla San Miguel masculina 2022. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Pablo Bocelo, gañador da Milla San Miguel masculina 2022. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pablo Bocelo, da Sociedad Gimnástica, e Solange Andreia Pereira, do Valencia Atletismo, impuxéronse na XXIII edición da Milla Urbana San Miguel de Marín que se disputou nun circuito pola Avenida de Ourense. Máis de medio milleiro de deportistas tomaron parte na cita festiva, na que houbo lugar para os deportistas de tódalas categorías, desde os dez anos en diante.

Pablo Bocelo dominou na categoría masculina da Milla en categoría elite ao entrar na meta cun rexistro de 4:27. Bocelo impúxose no esprint final da proba aos seus compañeiros de viaxe durante a meirande parte do percorrido: Jorge Puig, do Club Atletismo Santiago, que foi segundo a un segundo del, e Gustavo Santiago, que cruzou a liña inmediatamente despois para ser terceiro, en representación do Miller Club de Pontevedra.

Na categoría feminina, Solange Andreia Pereira confirmou que aínda ten motor para algún tempo e conseguíu ser a máis rápida no rush final. Pereira correu acompañada por Eva Piñel, do Atletismo Feminino Celta, que finalizou no segundo lugar, a dous segundos da morracense. A vencedora investiu 5:17 en percorrer os 1.609 metros de asfalto, dous menos que a súa compañeira de viaxe, que non puido co seu esprint e oito menos que Ángela González do AD Marathón de Madrid, que completou o podio.

Ademais, houbo tempo para as probas populares. Na milla sub-20, Javier Cervera foi o máis rápido entre os homes, mentres que Anabela Sousa foi a primeira das mozas. Na categoría máster, Paula Rosales e Javier Lois foron os primeiros en chegar á meta.

Comentarios