Pablo Carnero despídese do inverno

As probas médicas revelan que o dianteiro vigués, lesionado o mércores pasado no adestramento do equipo granate, estará de baixa un mínimo de seis semanas

Pablo Carnero permanecerá estará entre seis e oito semanas, nas previsións máis optimistas, despois de coñecerse que padece unha grave rotura de fibras no xemelo interno. O dianteiro vigués mancouse no adestramento do Pontevedra do pasado mércores, hai hoxe unha semana.

Segundo os servizos médicos do club granate, o futbolista non retornará ao traballo de campo cos seus compañeiros ata finais de marzo. De feito, os especialistas sanitarios do Pontevedra amosaríanse satisfeitos se o xogador pode participar co equipo no último mes da temporada regular. A magnitude da lesión fai ser moi cautos aos galenos granates, conscientes de que os prazos poden modificarse en función da evolución do deportista e do tratamento. 

No apartado positivo, Adrián Mouriño recibiu as probas da ecografía do fígado que demostran unha evolución moi favorable do absceso hepático que se produciu cando enfermou de apendicite. O xogador, que traballa cos seus compañeiros, pode integrarse totalmente no colectivo e xa está a disposición de Luisito.

Comentarios