Pablo Dapena logrou unha meritoria décimo sexta posición no Open Canadá PTO, triatlón de media distancia 70.3 que se disputou en Edmonton. O deportista pontevedrés chegou á meta cun rexistro de 3:18.48, a 8 minutos e medio do vencedor, o noruegués Gustav Iden. Dapena foi de menos a máis ao longo de toda a proba e malia realizar unha natación por debaixo das súas posibilidades rematou con boas sensacións e en zona de bos premios económicos (a dotación económica nas probas do PTO son ben elevadas).
No treito da auga, o lerezano estivo lonxe dos mellores e mesmo saíu descolgado dun segundo grupo onde estaban Iden e Blumenfelt. Era vixésimo cuarto na chegada á T1, cunha perda de tempo de 2:06 con respecto ao sexteto de líderes encabadezado polo surafricano Henri Schoeman.
No comezo da bicicleta, Dapena perdeu posicións e baixou ata o vixésimo sexto posto. Sen embargo, as súas sensacións sobre as dúas rodas foron positivas, no que foi un dos seus mellores desempeños de sempre no segundo segmento. O traballo realizado en aerodinámica e materiais do pasado outono déronlle froitos ao deportista do BMC, que na segunda fase dos 90 quilómetros da bici foi superando a homes que caían dos grupos dianteiros para chegar á T2 nunha boa posición, vixésimo primeira a seis minutos e medio do líder, o francés Sam Laidlow, para loitar na carreira a pé por unha mellor praza.
A proba tivo moita emoción, con moitos poblemas físicos para os homes que loitaban polo triunfo, como Brownleee, Laidlow e Blumenfelt
Nese último segmento, o lerezano amosou a súa mellor capacidade agonística e cun ritmo estable e continuo foi atrapando a adversarios ata chegar á meta no décimo sexto lugar.
A proba estivo plagada de emoción, con constantes cambios de líderes. Henri Shoeman marcou o ritmo na natación e saíu diante con Aaron Royle, Sam Laidlow, Alistair Brownlee, Ben Kanute e Kyle Smith. Por detrás, a máis dun minuto, saía a parella de noruegueses, Gustav Iden e Kristian Blumenfelt, e máis atrás outros favoritos como Kienle e Sanders.
Na bicicleta, Brownlee e Laidlow fuxiron do sexteto, mentres a parella nórdica recurtaba distancias. Xa no treito a pé aconteceu de todo: Brownlee notou problemas estomacais que lle fixeron deterse varias veces e logo baixar o ritmo ata o lugar 24. Laidlow sufriu molestias musculares cando era líder que lle obrigaron a parar e volver arrancar. O mesmo lle pasou a Blumenfelt. Gustav Iden beneficiouse de todo iso, superou a tódolos rivais que ían diante e levou a vitoria.