Pablo Dapena: "Non teño nada que demostrar"

O campión do mundo de tríatlon de longa distancia non oculta que o seu obxectivo é revalidar o título, pero tampouco que non é o principal favorito

Pablo Dapena. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Pablo Dapena. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

PREPARADO para gozar co ambiente da súa cidade e coa súa proba, Pablo Dapena revela as chaves do gran evento deportivo do ano de Pontevedra, un Mundial que soña con revalidar.

Está especialmente motivado por correr en Pontevedra?
Estou. Un Campionato do Mundo non se celebra tódolos días. Sempre estás ilusionado por competir na casa, aínda que sexa nunha proba local. E neste caso vai ser un Mundial.

Satisface comprobar que a súa cidade é un referente mundial no seu deporte?
Pontevedra é un referente deportivo, en xeral. Cada fi n de semana hai algún campionato da modalidade que sexa. Poucas cidades poden presumir diso. Organizar eventos coma este coloca a Pontevedra no plano deportivo internacional. É moi interesante. Para min foi un orgullo ver as rúas cheas de xente no Campionato de Europa de 2011. Tres e catro liñas de persoas detrás das valas para presencialo. Esa é unha das imaxes máis fermosas que vin na «Non teño nada que demostrar»  vida. E foi aquí.

Dicía Anxos Riveiro que competir na casa podía supoñer unha presión para vostede, Gómez Noya e Saleta Castro. Séntese presionado?
Non. O bo de ter gañado o ano pasado é que non teño nada que demostrar. Pregúntanmo moito e sempre é a mesma resposta. A presión é algo que depende de cómo a tomes. Para min significa que estou en condicións de competir por gañar. Hai que levalo así, non cos nervios que che poden xogar unha mala pasada. Ser campión do mundo e poder loitar por revalidalo na casa para min é unha satisfacción. O 4 de maio imos loitar por todo. Vai ser complicado que os tres esteamos no podio. Imaxino que Javi (Gómez Noya) si o fará e os demais intentaremos meternos aí.

"Ver as rúas da cidade ateigadas de xente no Europeo de 2011 é unha das imaxes máis fermosas que vin na vida"

Obxectivo, o podio?
O obxectivo é intentar ser primeiro. Para iso adestramos. Logo a carreira colocará a cada un no seu sitio. Desde que comecei a adestrar o 1 de novembro estamos pelexando por mellorar tódolos postos do ano pasado. Se fomos primeiros no Mundial, haberá que igualalo. Non será doado, pero imos loitar por iso.

Ten unha estratexia definida?
Tratarei de nadar o máis rápido posible con Javi para facer un oco con respecto, sobre todo, a Terenzo Bozzone, que creo que é o gran rival a bater. Despois trataremos de realizar a primeira subida a un ritmo elevado antes de que chegue ao grupo de cabeza, xa que el anda moito en bici. Queremos facer unha primeira volta forte, aínda que non a tope, para gardar forzas. E cando chegue (Bozzone), que non fuxa demasiado. Na bici, eu persoalmente, intentarei aguantar co grupo de cabeza. E na carreira a pé dosificarei ata o kilómetro dez e a partir dese momento, a tope ata o remate. Pero como me pase de revolucións na bici, que vai ser moi dura polas tres subidas ata Verducido, igual o pago despois. Prefiro quedarme do grupo de diante por sacrificar uns segundos e despois poder ter unha boa carreira a pé.

Prefería que fose menos duro, con menos desnivel?
É un circuito que coñezo. Se o fago cos ollos pechados, podería acabalo perfectamente. Non é habitual que o treito en bicicleta sexa tan duro. Xeralmente estes percorridos planifícanse para un rango de xente moi grande, mil ou dúas mil persoas, das que de proba elite habemos de ser 50. Os demais son persoas de 45, 50 e 60 anos. As subidas desa esixencia e as partes técnicas como a da estrada de Xeve pódense atragoar. Para as miñas características, nin fu nin fa. Non son un gran escalador, pero tampouco son rodador. Son normal en tódolos terreos. Pero non me vai vir mal de todo. Vai haber moito desgaste para correr e iso vénme ben. Un sector de bici como este castiga máis á xente e eu adoito ter un ritmo máis estable.

"O obxectivo é ser primeiro. Para iso adestramos. Logo a carreira colocará a cada un no seu sitio"

Cales son os principais rivais?
Terenzo Bozzone pode perder un minuto na natación. Hai unha parella de daneses que nadan e van ben en bici, pero poden fraquear na carreira a pé. Os franceses non nadan moi forte, pero teñen un segundo segmento moi bo. Igual che perden na auga 40 segundos, que é algo inaprezable. Hai dous belgas aos que lles vai ben este tipo de probas duras. Logo están Alessandro Dedasperi, que gañou o Ironman de Lanzarote o ano pasado ou Ruedi Wilt, o suizo que quedou segundo detrás miña o ano pasado. E non vou falar de Gustavo Rodríguez ou Albert Moreno. Temos a algún ruso de nivel, como Bryukhankov. Hai moita xente boa. A presenza de Javi produce un efecto imán. Fai unha chamada e aparecen deportistas de nivel. Hai quince persoas que van loitar polo podio.

Gústalle que Gómez Noya estea na proba ou é un problema para aspirar a gañar?
Obviamente, a todos nos gustaría que Javi non participase e vencer. Pero competir contra os mellores é un estímulo, unha motivación. Para min é un gustazo correr con el. Teño as mesmas cualidades cás súas, pero dez puntos por debaixo. Entón temos as mesmas vantaxes, as miñas un pouco máis limitadas. Este é un gran test. Despois desta carreira vas saber cal é o teu auténtico nivel. Estamos preparando isto desde o ano pasado. Agora pouco máis hai que facer. Dentro duns días estarei metendo a bici no box e indo a casa a descansar.

"A presenza de Javier Gómez Noya produce un efecto iman cara outros competidores de gran nivel"

A última semana é a que menos se adestra.
Estamos afrouxando adestramentos. A última semana é de quedar na casa, desconectar e ver unhas películas. O importante xa está pasado. Agora hai que gozar deste espectáculo e este ambiente e logo centrarse no que nos toca o día 4.

Que sensacións ten?
A nivel de cabeza, ben. Son un loitador desde sempre. A nivel físico, se non hai lesións é de agradecer. Toco madeira. Levo catro anos sen problemas. Este campionato píllame un pouco cedo. Pero non só a min, a todos. O ano pasado fora en xullo. A xente non chega ao cen por cento. O traballo deste ano en Lanzarote e o destas últimas semanas con Javi foron un estímulo. Todo vai ben. O domingo anterior fixen unha ‘cafrada’. Coa bici subín a catro picos e saíu bastante desnivel. Logo corrín 29 kilómetros. O luns e o martes arrastreime de cansanzo, pero recuperei ben.

Que tempo quere?
A mellor temperatura sería entre 16 e 20 graos e sen vento. Veremos a auga do río, pero ten pinta de que estará entre 13 e 15 graos. Cando vas en competición, non te enteras de nada. Lembro hai anos as World Series de Cidade do Cabo, nas que a auga estaba a 11,2. Alí si que o notabas. Aquí, ás oito da maña, con 14 graos no pistoletazo de saída, vai ser duro. Pero hai que estar habituado a todo. Serán tres mil metros no Lérez e confiamos que sexan rápidos e poidamos facer un oco Javi e máis eu.

"Competir contra os mellores é un estímulo. Para min é un gustazo facelo con Gómez Noya"

Que pode esperar o afeccionado?
Vai ser unha proba moi aberta e con moitos trocos a cada volta. A xente que se sitúe na Ponte dos Tirantes vai ver que a proba cambia moitísimo. Na carreira a pé vai dar un xiro para todos. Excepto Javi, que sempre andará arriba, os demais andaremos pelexando polas outras posicións. Vai ser complicado que os primeiros que saian da auga sexan os primeiros da bici e da carreira a pé.

Por que hai afeccionados que poden desprezar o efecto da bicicleta e da natación no tríatlon?Porque teñen en mente as Series Mundiais. A xente nada, na bicicleta hai grupos e na carreira é onde se resolve todo. Na longa distancia, a bici non permite ir a roda. Cambia moito. Pasamos dunha proba de dúas horas nas que se pode ir con ‘drafting’ a unha de seis horas na que non se pode. Son totalmente diferentes. A xente ten a imaxe de Javi soltando a rivais na carreira a pé e cre que esta proba vai ser desa maneira. Pois non, aquí poden pasar moitas máis cousas. O tema alimenticio é fundamental, porque hai que manter o corpo vivo durante seis horas. É crucial. A alimentación é o cuarto segmento da proba. Hai que telo moi en conta.

Cal é o valor de economizar?
Se na bici vas moi atrancado, tes que intentar buscar máis cadencia. Debes intentar ter un correr máis económico. Nas Series Mundiais vas a tres minutos o kilómetro, aquí debes controlar e non deixarte levar polas sensacións puntuais: agora vou ben e dous kilómetros máis adiante, mal. Tes que medir moito. É unha montaña rusa constante. Por iso tes que manter a cabeza fría. Este deporte de longa distancia é moito de cabeza e moi psicolóxico.

"Vai ser unha proba con moitos trocos a cada volta. Vai ser difícil que o primeiro na auga o sexa na bici e na carreira"

Páralle a xente pola rúa para asinar autógrafos?
Despois do Campionato do Mundo, a xente párame máis. Pero sempre son amigos.

Digamos que non ten grouppies...
Non. Eu sigo sendo o mesmo. Estou nos mesmos lugares. Non son Cristiano Ronaldo, que vai co Deportivo descapotable.

E que coche ten?
Non teño. Nesta cidade non fai falta. As poucas veces que o teño que empregar, uso o de miña nai, un Opel Astra. Cando vou á piscina, fágoo en bici. O coche nesta cidade non se precisa. Se cambio de residencia igual si, pero ata entón, para que o quero?

"Sigo a ser o mesmo. Non son Cristiano Ronaldo que vai por aí co seu deportivo descapotable"

Quen lle ía dicir que ía ser campión do mundo cando deixou a distancia olímpica.
Moita xente me lembra iso. A miña idea era apartarme da distancia olímpica e probar novas experiencias. Nun tríatlon de media distancia en Sanxenxo gustoume a sensación e así fun crecendo paso a paso.

A operación da hernia tivo moito que ver co troco.
Despois dela quedei amolado. Nunca pensas que vas ter que pasar polo quirófano. Pensas que iso é de futbolistas. Tiven microrroturas por estrés na tibia porque os que fomos nadadores temos moi flexible o nocello e, ao correr, todo o impacto o absorbe a tibia. Aí tiven que parar uns meses. De pequeno vivín malas experiencias porque con catro ou cinco anos xa tiña que ir ao Hospital por temas de asma. Non o lembraba dunha maneira moi positiva e cando regresas, xa pensas que non é bo. Nese momento pasáronme moitas cousas pola cabeza, mesmo a integración no mundo laboral. Ao final o meu adestrador lioume para probar media distancia e aquí estamos en Pontevedra, preparados para intentar revalidar o Mundial.

"Hawai non me motiva nada. O ano pasado fixen unha proba de distancia Ironman en Madrid e fíxoseme durísima"

Empezou a nadar pola asma. E o tríatlon?
En 2010 estaba farto da natación. Dar tantas voltas á piscina ás seis da mañá, facer 16.000 metros día tras día... A natación e a ximnasia son dos deportes máis sacrificados e con menos recompensa. Tomei un ano de descanso e marchei de Erasmus a Hungría. Alí nadaba e corría un pouco, para manter a forma. Ao regresar preguntábame ‘vas volver á natación para intentar baixar dúas décimas adestrando coma un tolo’? E aí liáronme dous colegas, que son os que me salvaron. Dicíanme que correr se me daba ben. Probei un tríatlon por equipos na Coruña. Fun dos mellores do equipo. E xa foi un non parar. Ese mesmo ano fun ao Campionato de España. Despois empecei a adestrar con Javi no 2012, fun subcampión de España e, en 2018, campión do Mundo.

Que lle queda por facer? O ironman resúltalle atractivo?
Hawai non me motiva nada. O ano pasado, polo tema da puntuación para o Challenge, tiven que facer unha proba de distancia ironman en Madrid. Fíxoseme durísimo, aínda que só cun mes de preparación. Fora un día de calor e nun circuíto moi duro. A altura de Madrid endurece. Nadabamos a mil metros, pero despois coa bici faciamos tres portos con case 3.000 metros de desnivel e 184 kilómetros. Aínda por enriba, catro kilómetros de máis. Coroei Navacerrada a 24 graos. Abaixo había 32. Do kilómetro 80 a meta, só había dous avituallamentos. Cheguei á casa de campo seco. A maratón foi dura. Dende a casa de Campo ata o Palacio Real hai moita subida. Desde o 25 ao 42 foi un suplicio. Pensas tódolos condicionantes e decátaste de que tes marxe de mellora. O BMC pídenme que clasifique para o Mundial de 70.3 e teño varios obxectivos na mente. Clasificarme, competilo e seguir co Challenge, aínda que aí dependo do calendario, que é moi esixente.

Comentarios