O Pavillón Municipal nunca estivo tan engalanado como esta fin de semana, co desenvolvemento do Campionato de España Standard de Baile Deportivo que arrancou este venres.
A cidade do Lérez convértese no centro neurálxico da disciplina, da que é a primeira gran competición que acolle. Unha primeira vez que atrae á capital ata 800 deportistas de diferentes comunidades autónomas.
O deporte afiánzase en Galicia, onde hai arredor de 1.000 licenzas, e particularmente na capital do Lérez, na que o club PonteBaile exerce como organizador e promotor, coa colaboración do Concello de Pontevedra, do evento que remata este domingo.
Entre os compoñentes da entidade atópase a parella formada por Lara Pasarín e Darwin Villar, rapaces de 16 e 17 anos que levan uns catro anos danzando xuntos e que este sábado conquistaron unha medalla de bronce.
Para os dous era "nuestra primera competición en Pontevedra", explicaba Pasarín, que se laiaba xunto a Villar de non teren tido "nuestro mejor día". Este sábado e o domingo terán novas oportunidades de resarcirse e ofrecer a súa mellor versión, trala complicada xornada do venres.
Os dous mozos son expoñentes da modalidade na comarca e na contorna de Pontevedra. A provincia, como explica Graciela Toba, delegada da Federación Galega, encabeza o número de licenzas da rexión, con escolas en Pontevedra, A Estrada ou Meis, entre outros concellos.
"Levabamos moitos anos sen competir en Pontevedra", confirma a propia Toba, poñendo en valor a relevancia de eventos de gran calado, tanto no aspecto deportivo para a divulgación da disciplina nas súas dez modalidades diferentes, como no turístico para unha vila como Pontevedra. "Moitos deportistas coñecen por fin esta zona e coñécena polo baile", e iso malia que as distancias e as comunicacións con outras zonas do Estado supoñen unha dificultade e limitan o número de participantes.
O baile é unha modalidade que require do desprazamento para competir ao longo e ancho de España. Así o explican Lara e Darwin, que para poder medirse aos mellores deben viaxar a Extremadura, Guadalajara, Valencia... En puntos como eses celébranse as dúas competicións nacionais programadas ao mes.
A parella da escola PonteBaile, club dirixido por Adrián Esperón, principal promotor do evento, decidiu dar o salto na procura de novos retos "porque me empezaba a aburrir bailar só por hobby e quería explorar os meus límites na competición", explica Darwin, ao que Lara agrega que "siempre me gustó, me pareció una forma de expresarme y evadirme del mundo. Y para mí no era suficiente bailar sola en un aula".
Pero o baile é unha modalidade que esixe preparación e investimento. Para empezar, moito tempo adicado para adestrar. Segundo explica Graciela Toba, as grandes parellas nacionais ensaian a diario un par de horas. Nalgúns casos, na elite hai bailaríns que chegan a investir ata 4.000 euros mensuais.
No que afecta ao dúo do Ponte Baile, a competición non lle resulta precisamente barata. "Mi vestido –o que levaba este venres para competir– vale 1.800 Euros y eso sin contar con maquillaje y peinado, ya que cada uno cuesta 65 Euros. Y hay que sumar las clases, las competiciones...", aclara Lara Pasarín.
O esforzo paga a pena por unha paixón que atopou o trampolín da Federación Galega de Baile Deportivo, actualmente en proceso constitutivo, e a incorporación ao programa olímpico do braking.