EL FUTURO LES PERTENECE

Unha paixón de xeracións

Xián Burgos practica billarda dende que tiña tres anos. Agora compite na Conferencia das Rías Baixas, na que é líder en categoría infantil e octavo na xeral, dous por debaixo do seu pai
Xián Burgos, en Marín antes dunha competición. DAVID FREIRE
photo_camera Xián Burgos, en Marín antes dunha competición. DAVID FREIRE

Aínda estaba na barriga da súa nai cando Xián Burgos asistiu a súa primeira xornada de competición en billarda. Foi en agosto de 2012, cando restaban tres meses para o seu nacemento. Os seus pais acudiron a unha xornada de competición ao descubrir que a billarda volvía recuperarse nas Rías Baixas. Non pasou moito tempo dende entón ata que Burgos comezou a practicar este deporte.

Con tres anos, unha vez xa puido coller un palán na man, Burgos comezou a practicar na casa. "Meu pai é quen me ensinou a xogar", conta, "agora practico na casa, xa que temos unha pista na entrada na que xogo co meu veciño, Mauro, e tamén coa miña irmá".

Xián Burgos. DAVID FREIRE
Xián Burgos. DAVID FREIRE

Porque a paixón pola billarda é algo que se leva nas veas na familia de Xián. O seu pai, Chicho, aprendeu a xogar de cativo en Dorrón (Sanxenxo), unha parroquia que mantivo viva a esencia deste xogo tradicional ata principios dos anos 90. Agora, Chicho compite xunto co seu fillo na Conferencia das Rías Baixas. "Cos maiores pode competir calquera neno se ten sorte nos cruces", explica Burgos, "pódeche tocar un bo ou un malo. Contra quen máis me gusta competir é Mauro, o meu veciño, porque gústame gañar e hai máis pique", confesa.

Se algo caracteriza a Xián é, con apenas dez anos, o seu carácter competitivo. "O meu pai é moi malo cando me gaña porque sempre me está dicindo: 'Eu son campeón, e ti sub campeón", conta entre risas, "pero eu tamén o pico moito. Hai unha rivalidade sana e potente".

É que Burgos podería considerarse case un "veterano" da billarda, xa que compite ao nivel dos adultos. Así, nesta tempada, o xogador de Dorrón vai líder na categoría infantil, mentres que ocupa a octava plaza na xeral, só dous por debaixo do seu pai. "Gustaríame seguir practicando billarda, mínimo, ata os 40 anos", confesa, "ademais de facer deporte, é relacionarse con xente de outras idades, tanto menores como maiores".

Para Burgos o máis importante é "ter precisión e puntería", algo que ten claro que se consegue "a base de práctica e xogar moito". Por iso o que máis traballa para a competición é "a puntería para entrar no varal e a forza de brazos".

Agora, Burgos agarda a oportunidade de ir a Eslovenia a próxima tempada. Alí, unha asociación organiza unha xornada dun xogo tradicional que é como a billarda, e convidan a varios países. Este ano cancelouse, pero mantén a esperanza. "Quedoume a espiña, así que estou desexando poder ir", confesa.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios