Un partido con horizontes de ascenso

O Pontevedra recibe o Zamora coa posibilidade de ampliar a súa vantaxe á fronte da clasificación de Segunda RFEF. Yago Iglesias poderá contar con tódolos seus efectivos para medirse ao terceiro clasificado do grupo

Partido do Pontevedra CF contra o Coruxo celebrado o pasado 18 de febreiro. DAVID FREIRE
photo_camera Partido do Pontevedra CF contra o Coruxo celebrado o pasado 18 de febreiro. DAVID FREIRE

Yago Iglesias combate tópicos e titulares de prensa. Durante a semana dun partido que ten aroma a ascenso, o ribeirense déixase seducir pola prudencia. "Queda moito camiño por asfaltar", vén a contar, con menos lirismo no seu discurso oral que no futbolístico.

O técnico ten certa experiencia e documentación para ser consciente de que dez partidos son un feixe e de que no fútbol ten vigor aquela máxima da última liña de meta tan empregada nas voltas ciclistas. Así é que evita idealizar o partido desta tarde: nada de final. Nin porque sexa contra o terceiro clasificado e rival directo polo liderado, nin porque el adestrase o Zamora, nin porque xogadores de ámbolos dous equipos vestisen camisolas rivais e xogasen como locais onde hoxe son visitantes.

Os sentimentos que emanan de todas esas verdades e mesmo a historia pasada na que os dous equipos foron importantes ao mesmo tempo dentro da extinta Segunda B, protagonizando fases de ascenso, ascensos e, nalgún caso, partidos espectaculares, non evitarán que despois das sete da tarde de hoxe resten 30 puntos por disputarse.

De aí que leve razón Iglesias. O partido non será definitivo. Non se reparten títulos, medallas nin fracasos irremediables. Haberá redención agardando polo que perda e haberá outros exames para o que aprobe.

E restada debidamente a importancia ao enfrontamento e ao seu resultado, é conveniente tamén non obviar toda a que ten.

Porque Pasarón promete un grato ambiente malia o tempo e a chuvia, porque o público sabe que para o Pontevedra os tres puntos serían un grande empurrón en dirección ao ascenso. De vencer, os granates sumarían 52 puntos, o que serían seis de distancia co Zamora máis o coeficiente directo de goles gañado: máis de dous partidos de vantaxe, unha distancia significativa para afrontar os dez últimos duelos da campaña.

Iso si, pensado no sentido oposto, a derrota igualaría os puntos das dúas escadras e renovaría a pelexa polo liderado entrámbolos dous e o Ourense, o outro implicado na poxa polo título, que é significado de ascenso directo.

O Pontevedra chega nun dos mellores momentos da temporada en canto a resultados. Acumula dez partidos sen perder. Os tres últimos saldáronse con triunfos. O seu xogo non é actualmente o máis brillante do exercicio, pero segue a ser tan eficaz e produtivo como nos momentos de máis fluidez e precisión, de aplicación máis perfecta do fundamentalismo futbolístico do seu técnico.

O PCF gañou coa sensación de non ter que facer uso de todo o seu poder perante o Coruxo, despois de atopar un marcador en contra. Fíxoo en Guijuelo, un escenario non apto para peles sensibles, e antes na casa de forma contundente perante o Cayón, noutra cita na que non se vestiu coas mellores galas.

Desde que fora vítima do seu accidente en Xixón, contra o Covadonga, a finais de novembro, ninguén lle leva os tres puntos ao Pontevedra. E iso fai que tódolos problemas parezan menores... E é que para chegar ata este momento, a escadra lerezana sufriu controversias, lesións e sustos, como o máis recente, o de Rufo.

Nove de garantías

Co máximo goleador da categoría fóra de circulación por un problema que finalmente non foi a máis, Yago Iglesias atopou a solución en Charly. A eficacia goleadora do atacante aresán foi unha das boas novas das últimas semanas para o colectivo de Pasarón. Pode ser unha boa ocasión para lucirse ante o seu exequipo.

Tampouco pareceu un inconveniente para o PCF, no seu percorrido, o mal tempo que castigou o céspede do campo do Burgo. O enfado que en calquera circunstancia produciría ver a desfeita do terreo de xogo (con investimento económico mediante na procura dunha solución), fica atenuado pola capacidade do bloque pontevedrés para superar penurias.

Despois dunha semana de chaparróns constantes, que se verá culminada hoxe, domingo 25, se a previsión meteorolóxica está acertada, o verde volverá estar en perigo e o espectáculo, previsiblemente, tamén. Pero ninguén se tapa baixo esa manta. Os equipos ambiciosos non queren desculpas antes das grandes citas.

Para o Zamora tampouco as hai. Aínda co resultado da primeira volta na mente (0-4 para o Pontevedra), o cadro de David Movilla intentará abstraerse dos problemas que afectan ao seu presidente polo caso Koldo para amosar músculo e lembrar por que é o equipo menos goleado da competición, con só once tantos recibidos ata a data. Entre os visitantes atópase un vello coñecido da afección de Pasarón, o talentoso medio centro Carlos Ramos, referente do xogo creador do equipo.

Comentarios