Pasarón volve á carga

O Pontevedra gañou contra a Arandina o primeiro partido de 2016 como local. A última vez que o cadro granate conseguira o triunfo na casa fora contra a Cultural Leonesa, o 20 de decembro
Jandrín foi determinante no triunfo do Pontevedra contra a Arandina
photo_camera Jandrín foi determinante no triunfo do Pontevedra contra a Arandina

"Xa lle empezaba a dar voltas eu á cabeza", recoñeceu Luisito aliviado na rolda de prensa posterior ao triunfo contra a Arandina. O adestrador granate quitou un peso de enriba despois de que o Pontevedra levase os tres puntos contra o seu rival e puxese remate a unha xeira negativa de resultados na casa. En 2016 o cadro pontevedrés non gañara ningún encontro en Pasarón, feito que parecía preocupar ao técnico.

O 1-0 perante a Arandina serviu para que finalizase a mala xeira como local dos granates. O Pontevedra non gañaba na casa desde o 20 de decembro, no mellor encontro do curso, perante a Cultural Leonesa. Daquela, os goles de Borjas Martín e Jandrín serviran para que o Pontevedra remontase o 0-1 inicial logrado por Aketxe.

Os dous bloques estaban nunha dinámica gañadora e positiva que pareceu finalizar en 2015, ano que pecharon no cuarto e quinto lugar, respectivamente, empatados a 33 puntos co Logroñés, que estaba no terceiro lugar. Desde aquela, o Logroñés mantivo un nivel moito máis regular, mentres que os pontevedreses e os leoneses se desincharon.

O caso do cadro de Luisito en Pasarón é significativo: gañou antes de onte co gol de Campillo (1-0) e puxo fin a unha xeira de cinco duelos na casa sen obter o triunfo, catro na Liga e un na Copa Federación. Contra o Cacereño empatou sen goles nun dos peores enfrontamentos do campionato no duelo que estreou o ano en Pasarón.

Despois, o Lealtad fuxiu vivo do campo do Burgo nun duelo estraño no que os pontevedreses puideron golear no primeiro tempo, víronse remontados no segundo e acabaron empatando (2-2). Polo medio, o cadro da cidade do Lérez viuse claramente superado polo Rápido de Bouzas na ida da segunda rolda da Copa Federación (2-3).

GOLEADA. A dinámica negativa que derivou na segunda minicrise de resultados da Liga traduciuse coa ampla derrota padecida pola escadra contra o Racing de Ferrol (0-3). O equipo mudou a súa faciana quince días máis tarde contra o Racing de Santander. O primeiro tempo, frouxo, puido rematar cunha goleada favorable aos cántabros. Pero no segundo acto o Pontevedra reaccionou, equilibrou o resultado e mesmo acumulou méritos para levar os tres puntos.

Aquela mellora do Pontevedra traduciuse, por fin, no resultado (1-0), antes de onte, cando o once de Luisito levou a vitoria contra a Arandina. Foron case tres meses sen que os seareiros pontevedreses puidesen ver ao seu equipo vencer. No que vai de exercicio o once da cidade do Lérez mantivo unha xeira regular de produción de puntos como local e como visitante, de maneira que obtivo resultados semellantes, ata a data, nos dous roles.

Na casa leva 25 puntos e fóra dela 22, aínda que ten pendentes máis enfrontamentos en Pasarón que a domicilio. Dos nove que lle quedan por xogar, catro serán lonxe de Pontevedra e cinco produciranse no seu terreo de xogo.

Comentarios