Pedro Vázquez, próximo a converterse na primeira fichaxe do Pontevedra

O club de Pasarón temén ten atados a un central e un dianteiro e avanza nas negociacións con varios xogadores 

20170423_RAFAFARI_M279[1]
photo_camera Pedro Vázquez, primeiro pola esquerda, coa camisola do Coruxo. RAFA FARIÑA

Tardou en facelo, pero cando por fin deu o paso, foi con forza. O Pontevedra está a piques de pechar as primeiras contratacións para a próxima temporada. En plural.

Un dos primeiros en chegar vai ser Pedro Vázquez. O estremo vigués ve con bos ollos a proposta que lle realizou a entidade granate e está polo labor de recalar no club de Pasarón, aínda que explicou que esperará uns días máis para formalizar a súa situación, xa que actualmente se atopa ocupado cos seus estudos. O extremo manexa unha oferta da entidade de Pasarón desde hai varios días e tamén dispón dunha proposta do Melilla para renovar, ademais doutras posibilidades. O novo proxecto granate, a aposta da entidade e a historia do club son elementos tidos en consideración polo xogador. Polo de agora, a súa alta non é oficial.

O Pontevedra ten atados a un central e un dianteiro que responden ao perfil de xogador que buscaba. Á marxe diso, a fichaxe de Héctor Figueroa, nove que militou a pasada temporada no Toledo, podería complicarse pola aparición do Logroñés, que tamén o quere firmar. O xogador canario non vía con malos ollos a opción de recalar no PCF, dada a súa historia, afección e campo. 

Asier Goti dispón dunha proposta do Pontevedra para o próximo exercicio. Valóraa positivamente, aínda que non ten présa para decidirse.

En negociacións están o club lerezano e Pablo Rey. O capitán do Racing de Ferrol ten unha oferta  enriba da mesa para viaxar ás Rías Baixas no próximo curso. O media punta non quere pechar o seu futuro sen ter unha conversa antes co seu club de orixe. Eses diálogos aínda non se produciron, debido a que o home forte do club, Carlos Mouriz, pretendía asinar antes ao adestrador e finiquitar economicamente a temporada 2017-18.

Están avanzadas tamén as conversas con Romay, media punta procedente do Fabril, que espera conseguir a carta de liberdade de forma inmediata para poder vencellar o seu futuro ao Pontevedra esta mesma semana.

Pola súa banda, o centrocampista Adrián Cuevas, que agardaba por unha proposta do Hércules ou o Elche, conta cunha oferta da entidade de Pasarón que tamén lle agrada moito.

Comentarios