O Peixegalego apela ao valor da experiencia antes do play-off

Jacobo de Benito, Van Wijk, Monaghan e Juan Castro viviron xa varias fases de ascenso nas categorías FEB
Jacobo de Benito y Zach Monaghan en un partido de esta temporada. DAVID FREIRE (ARCHIVO)
photo_camera Jacobo de Benito y Zach Monaghan en un partido de esta temporada. DAVID FREIRE (ARCHIVO)

O Mundioma Marín Peixegalego deberá poñer sobre a mesa toda a súa experiencia en play-offs para intentar facer fronte ao grupo da morte na fase de ascenso a LEB Prata.

Entre os seus homes, ata catro atesouran experiencia nas grandes citas. O que viviu máis éxitos é o capitán Jacobo de Benito, que estivo nos tres últimos saltos de categoría do colectivo marinense: o pleno histórico de EBA a LEB Prata en 2018, o ascenso sorprendente de LEB Prata a LEB Ouro na campaña seguinte e o máis modesto de Nacional a Liga EBA da temporada 2020-21.

Para o base é o cuarto intento de salto de categoría co Peixegalego e, aparentemente, o máis complicado. Ademais, competiu en outro, sen éxito, co Chantada, tamén de EBA a Prata.

De Benito é un dos que máis experiencia ten en retos de ascenso do Peixe, pero non é o único. 

De Benito subiu de categoría co Peixe en tres ocasións

Kevin van Wijk pode presumir duns cantos éxitos no baloncesto español e, sobre todo, dunha gran cantidade de intentos de salto de categoría. O máis recente, a temporada pasada co COB contra o Mollet, o Clavijo e finalmente o Navarra, serviulle para subir cos ourensáns a LEB Ouro. 

O neerlandés participou nun intento de ascenso a ACB desde LEB Ouro, frustrado para o equipo da cidade das Burgas na campaña 2018-19. Tamén o fixo co Breogán na campaña 2014-15, precisamente contra o COB, que logrou o salto á ACB fronte aos lucenses, pero non foi quen de cumprir os esixentes requisitos económicos para ocupar a praza na máxima competición. 

O pívot do Peixe viviu dous play-offs co Oviedo (2013-14 e 2015-16), nos que o seu equipo foi eliminado en cuartos de final e en semifinais. A súa ampla experiencia conclúe en Melilla, ante un cadro co que tamén xogou un play-off frustrado na 2016-17. 

Van Wijk logrou o ascenso a LEB Ouro co COB na pasada temporada

Tamén Zach Monaghan, a grande incógnita dos marinenses para esta cita, estivo no play-off de ascenso a ACB co Leyma Coruña. Na 2015-16 chegou ao quinto partido da serie semifinal polo ascenso cos herculinos. Ao ano seguinte, desta volta en cuartos de final, o Coruña volvía ser eliminado na carreira polo ascenso, no quinto partido. O mesmo lle aconteceu na 2017-18 ao bloque coruñés. Na 20-21 caía en semifinais, no terceiro e último partido da serie. Outra vez en cuartos de final, no curso pasado, o Leyma de Monaghan quedaba polo camiño.

Dos demais membros do colectivo, cabe sinalar o ascenso logrado a LEB Prata polo Ponferrada no que militaba Juan Castro. O conxunto berciano logrou o salto de categoría a LEB Prata na campaña 2018-19 co pontevedrés nas súas ringleiras. Foi un ascenso despois de ser campión do grupo AB, campión de conferencia A na final contra o Ardoi e campión do seu grupo de ascenso e, consecuentemente, ascendido.

Javi Domínguez estaba no plantel do Peixegalego que participou na fase de ascenso a LEB Prata, de forma infructuosa, na temporada 2012-13, aínda que a súa presenza no equipo foi testemuñal, xa que tiña 18 anos.

Álvaro Filgueira, Dramell Hogan e Pablo Castro estiveron no ascenso a EBA de 2021, pero están ante a primeira fase destas características das súas vidas.

Jacobo De Benito: "As palabras son competir e desfrutar"
Presente en dúas fases de ascenso co Peixe e unha co Chantada, o capitán Jacobo de Benito sabe ben en que consiste o reto dunha fase de ascenso.

"Competir e desfrutar son as dúas palabras que nos poden levar a conseguilo", explica o ourensán.

De Benito coñece ben de que vai a película, de aí que apunte que neste tipo de competicións "non existen segredos. Hai que estar moi concentrados, coidarse os tres días e ter un bo descanso", asegura. Unha maratón de tres días (ou catro, se é preciso) no que  tamén hai que "ter unha gran concentración e defender. Se conseguimos ir a partidos de 60 puntos, teremos opcións".

Ese é o Mundioma Peixegalego deste curso.

De Benito compara cos outros dous play-off que viviu, e este aseméllase ao de Villarobledo. "Este ano é parecido ao de LEB Prata, diría eu. Somos os tapados, clasificados como terceiros de grupo. Iso pode beneficiarnos".

Iso si, o Peixe non poderá contar coa colaboración da presión da Raña. "Xogar na casa axuda e moito. O ano que ascendéramos na casa, notárase e ben", sostén o capitán, que é un punto de apoio para os novatos, aínda que lembra que Javi Llorente "é un experto nisto. Sabe como se xoga, o nivel das arbitraxes, a presión ambiental... Deixa poucas dúbidas. Xa o di todo".

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios