O Peixegalego inicia o reto do ascenso en Getxo

O equipo de Javi Llorente comeza o seu camiño na final four contra o Fundación Bilbao Basket este sábado ás 20.00 horas. De gañar, medirase na final do domingo ao vencedor do duelo entre o Getxo e o Círculo de Gijón
Zach Monaghan, a gran dúbida de Javi Llorente para a final four. DAVID FREIRE
photo_camera Zach Monaghan, a gran dúbida de Javi Llorente para a final four. DAVID FREIRE

Nunha época non moi remota, o Mundioma Marín Peixegalego sempre ficaba ás portas do éxito. De forma case repetitiva, o mel quedáballe nos beizos nas fases de ascenso. Durante moitos anos, a Liga EBA converteuse no seu hábitat natural único. 

Pero o club marinense dos últimos tempos xa abandonou esa tendencia. Aprendeu das derrotas, da esixencia dos grandes momentos, de como xestionar a presión e de como decidir á hora da verdade. Así, ata lograr catro ascensos en menos de unha década. Ascensos de tódalas cores: de forma directa, vía play-off, a LEB Prata, a LEB Ouro en dúas ocasións ou algún máis modesto á actual EBA, o último deles, hai dous anos, con Iván Villaverde á fronte.

O actual segundo adestrador do cadro marinense foi a única alternativa no banco a Javi Llorente, o director de orquestra nos demais éxitos deportivos do primeiro equipo.

 

Con Llorente á fronte, o Peixegalego comeza este sábado o itinerario á procura do quinto ascenso dos últimos tempos. 

Será unha proba máis esixente que a de outras épocas por varios motivos. O primeiro é a grande incógnita do base Zach Monaghan. O estadounidense viaxará ata a localidade viscaína coa súa doenza na rótula ás costas. Algo máis que unha dúbida importante para un colectivo afeito a bailar oa ritmo que el impuña, ata que caeu en desgraza a primeiros de mes.

Non estará, seguro, como baixa de longa duración desde o comezo do curso, Daniel de Villalobos. Os demais, a priori, poderán defender as cores azuis do Peixe.

No club hai catro homes con experiencia en play-off, como Van Wijk, De Benito, o propio Monaghan e Juan Castro.

A prefase de ascenso, final four, fase previa ou como se deba denominar, medirá nas semifinais ao Peixe contra un filial de ACB, o Fundación Bilbao Basket (este sábado ás 20.00 horas).

Os resultados da primeira fase non deben servir como referencia. En primeiro lugar, porque é difícil catalogar o nivel de cada un dos dous grupos de conferencia na súa xusta medida. En segundo, polo momento de forma de cada equipo. E en terceiro, porque un play-off non ten nada que ver cun partido da liga regular.

O vencedor medirase na final desta fase ao gañador do Getxo-Círculo de Xixón

Dito iso, o Fundación Bilbao Basket rematou na terceira praza do grupo AA. Acabou cun balance de 16 triunfos e 10 derrotas. A priori non son cifras espectaculares. Tampouco o son os seus datos de puntos a favor e en contra. 2001 a favor e 1871 en contra, é dicir, o quinto mellor ataque do seu grupo con 77 puntos e a segunda mellor defensa con 72. 

O Peixe chega á final four con 21 triunfos e cinco derrotas. Con 1992 a favor e 1681 en contra. A segunda mellor defensa do sector e o quinto mellor ataque: niso bilbaínos e marinenses parécense.

O Bilbao ten máis ritmo e intensidade, tanta como xuventude. Javi Llorente anuncia máis talento ofensivo no rival que no seu colectivo. Por iso proporá un partido no ritmo que máis lle interese, un partido a poucos puntos, como os que fixo o Peixe contra o Círculo de Xixón ou o Chantada, saldados con tres triunfos de catro.

O vencedor do partido medirase ao gañador da eliminatoria entre o Getxo e o Círculo. O triunfador desta fase obterá unha praza no play-off polo ascenso. 

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios