O Peixegalego logra a permanencia virtual en EBA

Só unha carambola impensable, que implicaría a derrota dos catro partidos que lle restan, o último deles por máis de 53 puntos contra o Betanzos, provocaría o seu descenso 
Imaxe de arquivo de varios xogadores do Peixegalego. DP
photo_camera Iván Villaverde dando instrucións aos seus xogadores nun partido desta temporada. DP

O Marín Peixegalego seguirá competindo en Liga EBA a próxima temporada, se unha hecatombe non o impide. O equipo dirixido por Iván Villaverde conseguíu a permanencia  virtual a pasada fin de semana despois de derrotar a un rival directo na pelexa pola continuidade, o La Flecha.

A situación provoca que actualmente a escadra morracense teña 14 triunfos en 26 partidos e avantaxe en catro vitorias ao primeiro dos equipos de zona de descenso, cando restan catro xornadas para rematar a competición. 

Descenden desde o décimo primeiro ata o décimo sexto clasificados. O décimo (que non caería a Nacional), décimo primeiro, décimo segundo e décimo terceiro contan con dez triunfos. Trátase do Culleredo, La Flecha, Betanzos e Bosco Salesianos. 

Os de Iván Villaverde lévanlle catro triunfos de vantaxe aos seus rivais pola permanencia cando restan catro xornadas

É dicir, o peor dos escenarios para os de Marín permitiría que tres deses conxuntos os igualasen na táboa (é imposible que o consigan os catro, xa que resta por disputarse un encontro entre La Flecha e Culleredo).

A FAVOR. Nunha hipotética circunstancia de triplos e cuádruplos empates, os de Iván Villaverde teñen tódolos coeficientes particulares gañados fronte a esas escadras: ou venceron os dous envites ou gañaron por máis puntos dos que perderon contra elas. Con todos é así, menos co Betanzos, contra o que ten que enfrontarse na última xornada do curso, no Municipal da Raña.

Analizando os dobres, triplos, cuádruplos posibles empates e mesmo quíntuplos e sextuplos nos que se poderían ver implicados o oitavo e noveno clasificados, o Gijón e Ávila, o Peixegalego nunca sairía prexudicado para acabar baixando, excepto nun extremo caso:

Un triplo empate no que se vise afectado co Betanzos e o Bosco Salesianos. Para que se dese ese suposto, o Betanzos debería vencer na última xornada na Raña. 

O bloque de Marín resultaría favorecido en case tódolos empates cos seus rivais grazas aos resultados dos enfrontamentos directos

Pero non só iso, senón que tería que facelo por un marcador de escándalo: por 53 puntos ou máis, en concreto, para que o Peixegalego fose o último dun empate entre noveno, décimo e undécimo. Todo, porque o Peixe gañou por 29 en Ourense e perdeu por 8 na casa contra o Bosco, mentres que derrotou ao Betanzos a domicilio por 6 (balanzo de +27). O Bosco ten balanzo de -25 e o Betanzos, de -2.

En resumo, só unha hecatombe privaría aos marinenses de conservar a actual categoría. E todas esas contas poderían quedar saldadas a próxima fin de semana se os de Iván Villaverde gañan o seu encontro contra o Chantada ou se o Betanzos ou o Bosco Salesianos non vencen cadanseu enfrontamento.
 

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios