O Peixegalego suspende o seu partido tras detectar tres positivos no seu plantel

Dous dos contaxios afectan ao corpo técnico e un terceiro a un xogador
Imaxe de arquivo de varios xogadores do Peixegalego. DP
photo_camera Imaxe de arquivo de varios xogadores do Peixegalego. DP

A Federación Española de Baloncesto aprazou o partido entre o Mundioma Marín Peixegalego e o Unicaja Oviedo da primeira xornada da segunda volta, que estaba previsto para o próximo sábado, despois de que o conxunto morracense notificase tres positivos dentro do seu plantel.

Dous dos contaxios afectan ao corpo técnico e un terceiro a un xogador. A activación dos protocolos da competición conducen ao segundo aprazamento do colectivo dirixido por Iván Villaverde.

O propio preparador é un dos afectados e atópase illado ata o domingo, cando poderá abandonar o seu confinamento ao cumprir os prazos establecidos polas autoridades sanitarias galegas dentro dos seus protocolos.

Tanto el como os outros dous membros do colectivo que están contaxiados polo virus se atopan ben.

A escadra da Raña deberá agora recolocar dous enfrontamentos no calendario, despois dos dous aprazamentos que vén de padecer. E é que ademais do choque contra o Oviedo, o Mundioma Peixegalego Marín tampouco puido disputar o duelo contra o Santo Domingo Betanzos correspondente á ultima xornada da primeira volta, que xa se adiou en dúas ocasións, por cadanseu brote de covid nos vestiarios coruñés e marinense.

O cadro preparado por Iván Villverde atópase na zona media da táboa da Liga EBA con sete vitorias e sete derrotas.

Comentarios