Outro ogro para o saco do Mundioma Peixegalego. O equipo marinense varreu da Raña o Corinto Gijón, equipo que chegaba coa vitola de ser o único quen de bater a Cultural Leonesa. O cadro de Javi Llorente realizou un partido moi completo contra un adversario de gran tamaño. Remangouse para elevar o nivel defensivo e secar as ofensivas rivais e realizou un xogo brillante e eficaz que lle concedeu un triunfo claro e contundente, mesmo esperanzador.
Polo marcador, alguén poderá crer que foi sinxelo. Pero para bailar, antes houbo que traballar, que remontar.
Despois dun arranque de dominio (8-3), o Peixegalego comezou a sentir as embestidas do contrario. Erros defensivos facilitaron lanzamentos exteriores cómodos que o Corinto non desaproveitou. Algunha contra e varias segundas opcións despois de rebote ofensivo permitiron aos visitantes darlle a volta ao marcador no primeiro período, cun concluínte parcial de 3-17. O elevado nivel físico do duelo parecía favorecer aos xixoneses, que navegaban cómodos co vento do marcador favorable (14-20) ao remate do primeiro período.
O acerto de Javi Domínguez desde a liña de 6,75 liderou as ofensivas marinenses
O Peixe andaba atascado en ataque. Non acababa de xerar situacións claras, erraba lanzamentos e perdía balóns. O marcador foise ata un 18-26 tras unha tripla liberada e unha penetración de Fernando Suárez.
A partir dese momento, os marinenses deron un paso adiante apoiados nas costas de Van Wijk (25-26). Unha tripla dun notable Juan Castro igualou o choque (28-28) e despois apareceu en escena Javi Domínguez cun recital de lanzamento que lle devolveu a dianteira aos seus. Pero, que ninguén se engane, o triunfo cociñábase en defensa: presión, alternancia zona-home, mellora no rebote... xa non había tiros claros, nin contras, nin segundas opcións do Corinto. O nivel de contactos pasou de problema a virtude. Ao descanso, 37-31.
No terceiro cuarto, un festival de triplas capitaneado por Javi Domínguez elevou a diferenza ata un 60-40 que non foi definitivo porque o Corinto tirou de cosméticos nos últimos dous minutos.
Pero o show de Monaghan, tirando, roubando e pasando serviu para sentenciar no comezo do último período, para asegurar o sexto triunfo dun Peixe notable.
61 - Corinto Gijón: Sánchez (9), Carlos Suárez (5), Alemán (5), Konte (3) e Martínez (6) -cinco inicial- Kebe (1), Fernando Suárez (13), Méndez, Miguel González (8) e Diego González (2).
Árbitros: López Illán e Díaz Feijoo.
Incidencias: Partido correspondente á oitava xornada do grupo AB de Liga EBA disputado no Municipal da Raña, ante unhas 350 persoas.