O Peixegalego xogará a fase de ascenso

Malia as gravosas condicións económicas do desprazamento a Mallorca, o club decidiu finalmente competir en Lluchmajor por unha praza en LEB Prata

 

Javi Llorente durante un tempo morto do Peixegalego. GONZALO GARCÍA
photo_camera Javi Llorente durante un tempo morto do Peixegalego. GONZALO GARCÍA

O Marín Peixegalego participará definitivamente na fase final polo ascenso a LEB Prata que se celebrará a próxima semana en Lluchmajor. O club marinense decidiu este mércores facer uso do seu dereito deportivo e acudir a Baleares, malia as gravosas condicións económicas para a súa economía derivadas do desprazamento.

O último contratempo que atopou a entidade marinense foi a imposibilidade de facer uso da rebaixa do 50 por cento nos billetes de Air Europa, compañía aérea que colabora co Palmer Mallorca, club organizador. Esa medida, considerada polos clubs como unha das accións estrelas para entender a elección da sede mallorquina, non afecta ao Peixe, xa que só está disposta para os voos directos e a citada compañía carece deles entre Galicia e Mallorca sen enlace noutro aeroporto español.

Cando menos, desde o club marinense puideron atopar unha empresa colaboradora disposta a facerse cargo dunha parte dos costos da viaxe, o que suporá un balón de osíxeno para as súas contas. Ademais, a entidade foi quen de atopar un desprazamento aéreo para grupos con prezos moi competitivos. Non se pode dicir o mesmo dos hoteis, xa que se atopan nunha zona eminentemente turística. 

Un dos aspectos que tamén axudou a disipar as últimas dúbidas no Peixegalego foi a imposibilidade de renunciar atendendo as bases de competición. A entidade comunicouse coa Federación para plantexar esa dúbida e a resposta que obtivo foi que debería telo feito dez días antes da disputa da prefase de Getxo, comunicándollo á propia Federación ou, no caso desta fase final, debería ter procedido 48 horas despois da finalización daquela competición.

De tal maneira, no caso de acollerse a esa opción agora, non obstante as condicións coas que deberá afrontar o desprazamento, exporíase a unha hipotética sanción importante por parte do Comité de Competición da Federación Española de Baloncesto

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios