sábado. 11.07.2020 |
El tiempo
sábado. 11.07.2020
El tiempo

As peñas piden "ambición" ao PCF

Afeccionados celebrando un gol en Pasarón na derradeira campaña. RAFA FARIÑA
Afeccionados celebrando un gol en Pasarón na derradeira campaña. RAFA FARIÑA
Os peñistas consideran que o club debe loitar por subir a Segunda, pero conformaríanse con quedar na Segunda B Pro
No tocante á continuidade de Jesús Ramos e á renovación do plantel, a división de opinións é máxima

O Pontevedra quenta motores para unha nova tempada e estuda as liñas mestras do seu proxecto nunha campaña que será decisiva para o futuro do club pola reestructuración da Segunda B, que será de 100 equipos antes de dar paso a unha categoría Pro de só 40 integrantes. A todo iso se lle une á incerteza que xera a presenza da Covid-19, que impide ter claro se os estadios poderán albergar amplas cantidades.

Neste contexto, o PCF traballa sen soltar prenda dos seus avances. Sen confirmación sobre a continuidade do adestrador e dos xogadores, Diario de Pontevedra contactou con varios reprensentantes de peñas vencelladas ao club para preguntarlles sobre o futuro da entidade.

A maioría dos afeccionados piden ao Pontevedra que sexa ambicioso de cara á campaña que vén e, como mínimo, adquira un posto na Segunda B Pro sen renunciar ao ascenso a Segunda.

Ademais, todos os socios coinciden en que o diñeiro xa invertido no abono da pasada campaña debe ser empregado para os gastos orzamentados do PCF e tamén en que, si así o decide o club, pagarán o importe completo da próxima tempada aínda coa inseguridade de saber se se poderá acudir a Pasarón.

Por último, no tocante ao plantel e ao adestrador, a división de opinións é máxima, aínda que todos poñen en valor o feito por Ramos.

Jorge Jorge, Unión Granate: "Este debe ser o ano do órdago"

Jorge JorgeJorge Jorge, vinculado a Fondo Granate e a Unión Granate, sinala que, por enriba de nomes, "este debe ser o ano do órdago". "Despois de varias campañas, hai que deixar de especular e mollarse de verdade. É o momento de apostar por estar arriba e de involucrar á cidade como se facía hai anos", destaca Jorge.

Para o peñista, quen sexa o adestrador non é primordial neste intre, xa que entende que "o importante é ter clara unha aposta". "Con Jesús Ramos o equipo funcionaba ben. Se se cre que vale de verdade, pois adiante", destaca.

Por outra banda, en relación co plantel a construir, Jorge Jorge apunta que aínda que non é "partidario de moitos cambios", "é necesario ter recursos bos e xente que tire do equipo de verdade". "Hai que cambiar porque o nivel do equipo non foi o axeitado. Hai xente que veu e non funcionou", analiza.

O socio granate destaca que o obxectivo do PCF a vindeira campaña debe ser o máis ambicioso posible: "Sempre queremos ascender a Segunda División. Eu creo que hai que loitar por iso. Hai que dalo todo para estar arriba si ou si e entrar, a lo menos, na Segunda B Pro". En referencia aos abonos, considera que o club debería dar a opción de devolver parte do importe desta campaña, aínda que el non collería os cartos. Para o ano que vén, pagaría sen dubidar o ano completo aínda que non se puidese ir a Pasarón pola Covid-19. "Son socio porque quero ao PCF, non por ir a todos os partidos", di.

Kiko Alonso, Fondo Granate: "Hai que estar na Segunda B Pro"

Joaquin AlonsoKiko Alonso, de Fondo Granate, apunta que é importante que se poña en marcha un movemento social para voltar a apoiar ao equipo, aínda que non estea claro en que proporción se poderá encher o aforo de Pasarón. Pola crise da Covid-19 augura "un ano bastante complicado coa que se vén enriba".Por iso, considera importante contar cun adestrador "con nome". "A xente como Alfaro, Aurelio Gay o Xabi Gracia facía ben. Era un reclamo para acudir ao campo", sinala.  Aínda así, recoñece que a Jesús Ramos "déuselle a oportunidade e funcionou ben".

En referencia ás fichaxes, entende que estaría ben contar a lo menos "cun reforzo por posición". "Son cousas que debe valorar o club. Eu son partidario de facer renovacións, pero non moitas. Hai xogadores que rendiron ben hai tempo, pero xa non", expresa.

Asemade, no tocante aos obxectivos que se debe marcar a entidade pontevedresa, Alonso considera que "ascender a Segunda División é moi difícil", polo que a meta debe ser "estar arriba" e, por suposto, "meterse si ou si na Segunda B Pro". Ademais, apunta que a Copa do Rei, no caso de xogarse, debe ser tamén unha prioridade para poder enfrontarse a un equipo de Primeira.

En relación aos abonos, entende que non ten sentido esixir devolucións ao club e apunta que sen dúbida pagará o do ano que vén de xeito completo: "Hai que axudar ao club se queremos estar arriba. Isto é unha SAD e ten que xerar diñeiro por si mesma".

Alberto Carrera, ExFurya Granate: "Hai que comezar de novo todo"

Alberto CarreraO socio Alberto Carrera, exmembro de Furya Granate, considera que é necesaria unha reforma importante que vai desde a dirección deportiva ata o banco: "Empezaría de novo todo". Concretamente, Carrera considera que é o momento de apostar por outro director deportivo diferente a Roberto Feáns. Ademais, sinala que aínda que Jesús Ramos "fixoo ben", a súa continuidade sería engadir "outro parche". "Hai que aprender dos erros do pasado", expresa o siareiro.

Deste xeito, Alberto Carrera apunta que apostar por nomes con cartel "ilusiona" e que ademais "non é preciso volverse tolo". Neste sentido, cita a Antonio Fernández, adestrador pontevedrés do San Roque de Lepe e ex do Alondras como un perfil que aportaría máis ilusión á parroquia granate.

No tocante ao plantel, asegura que non é partidario de "apostar por doce fichaxes todos os veráns", pero "este ano si que hai que facelo", porque "o nivel debe mellorar moitísimo".

Sobre o obxectivo da vindeira campaña, considera que o PCF debe aspirar a Segunda División, aínda que unha meta coherente sería entrar nos hipotéticos playoffs de ascenso (non se coñece aínda o formato). Sobre o abono, non quere devolucións nin rebaixas, aínda que entende que "un detalle cos socios estaría ben".

David Fernández, Fossa Grana: "Necesitamos experiencia"

David FernándezDavid Fernández, representante de Fossa Grana, pon a alerta na trascendencia da vindeira campaña: "O de quedar ou non na Pro dá moito medo. É necesario estar si ou si nesa categoría". Por iso, para Fernández, o Pontevedra debería contar para asegurarse a presencia na categoría "un adestrador con máis experiencia". "Creo que por traxectoria, Jesús Ramos merece unha oportunidade. E calquera outro ano diría que debería quedar. Pero neste non. E mira que me fastidia. Pero coido que é necesario contar cun adestrador con máis experiencia", expresa.

Sobre o plantel, entende que só se debe pór en marcha unha "renovación parcial". "Con poucos cambios estaría ben. Considero que é importante fichar a un bo sustituto de Jaouad e apuntalar ao centro do campo, porque o problema foi que non se sustituiu ben a Kevin Presa", sinala.

Sobre o resto dos postos asegura só ter queixa no lateral esquerdo, pero pon a nota positiva na chegada de Rufo. Por outra banda, sobre o obxectivos, asegura que dependerá dos recursos da entidade: "Os filiais reforzaranse ben, así que eu me conformaría con obter un posto na Segunda B Pro, aínda que sen renunciar a nada". Ademais, é partidario de pagar o prezo completo do abono porque se non se puidese acudir ao estadio sería "algo puntual".

Juan Manuel Fernández, Catavento: "Todos temos que axudar perdendo"

Juan Manuel FernándezUn dos representantes da peña Catavento, Juan Manuel Fernández, destaca que el non é moi partidario dos cambios nin no plantel nin no banco. Fernández asegura estar algo desconectado da actualidade do equipo desde que finalizou a campaña, pero considera que a continuidade de Jesús Ramos debería vincularse ao aspecto económico: "Se o club non pode gastar demasiado, penso que debería seguir. Se hai diñeiro, quizáis podería valorarse cambiar".

O mesmo sucede cos xogadores, xa que a continuidade da maioría ou non debería estudarse en función das arcas do club na súa opinión. Nembargantes, neste eido, Fernández móllase e asegura que el "renovaría case á maioría". "Aínda así, algunha fichaxe algo importante habería que traer", engade.

No tocante ás metas que se debe pór o PCF na campaña 2020-2021, Fernández asegura que o sistema de competición "é moito lío", polo que non ten claro aínda que esixir, pero si considera que é importante "ser ambicioso" e "intentar subir" a Segunda ou "a lo menos disputar o play-off". Por último, sobre os abonos, sinala que vería ben que o club mantivese os prezos aínda que finalmente non se poida acudir a todos os partidos: "Trátase de financiar ao PCF. Se non se pode ir ao estadio, todos perdemos algo por axudar. Non é cousa do club".

As peñas piden "ambición" ao PCF
Comentarios