O Marín Peixegalego tivo un empacho de Nadal. O equipo de Javi Llorente demostrou non ter baixado o turrón a tempo fronte o Ávila Auténtica, e nun mal partido encaixou a terceira derrota da campaña, a primeira na casa (79-85). O conxunto da Raña foi sempre a remolque no marcador perante un rival que estivo moito máis metido no xogo desde o comezo, pero que estivo a piques de ver como o triunfo fuxía polo sumidoiro, despois dunha espectacular remonta inconclusa dos marinenses, que de perder por 21 puntos no minuto 2 da segunda metade colocáronse a 3 puntos a falta de case oito minutos para rematar. En algo máis de 10 minutos, 18 puntos de redución.
Así e todo, de dar a volta, o resultado non tería feito xustiza ao diferente nivel de compromiso co baloncesto demostrado polos dous bloques. Porque o Peixegalego estivo irrecoñecible nos dous lados da cancha e tamén sentiu a baixa de Dramell Hogan e a enfermidade coa Álvaro Filgueira foi rescatado da cama para afrontar o envite. A eficiencia de Van Wijk, a ética defensiva de Jacobo De Benito e o festival de triplas do segundo acto non foron de abondo ante un rival que amosou máis variedade de recursos.
O equipo marinense pasou dunha desvantaxe de 21 puntos a só 3 en dez minutos do segundo acto
O Ávila comezou a escribir a historia do partido ao ritmo de Serrato, Izquierdo e Castaño, os tres incómodos exteriores aos que os azuis tiveron moitas dificultades para frear. Mentres os visitantes atopaban a mellor opción para producir ante unha defensa local irrecoñecible, o Peixe perdíase nun festival de triplas ante o colapso na zona anti-Van Wijk organizado polos casteláns.
Do 11-18 inicial pasouse a un 17-35 propiciado por catro triplas seguidas de Froufe e pola aberrante precipitación ofensiva marinense.
O conxunto local reaccionou entón levemente coa enerxía dos canteiráns en defensa. Pero o ataque seguía sen funcionar, castigado por un abuso de tiros de tres sen acerto que levou o 28-47 ao descanso. A leve mellora atrás converteuse nun espellismo.
O equipo de Llorente rematou cun 12/26 en tiros libres
Tralo descanso principiou a reacción marinense, a de verdade, propulsada por un renovado acerto desde a liña de 6,75 no que tamén houbo máis orde ofensiva, con balóns que entraban da zona para saír dela con vantaxe para os aleiros.
Malia algúns erros defensivos e o desafortunado día de Monaghan, os disparos de tres meteron no encontro aos azuis. Iso e o mellor traballo atrás e o control do rebote.
Entre o 35-51 e o 65-68, o Peixe encestou oito triplas. Por un intre o cadro de Llorente pareceu infalible desde a liña de 6,75, tanto como estéril desde a de tiros libres (demasiados erros, 12 de 26 desde o 4,60, menos do 50 por cento).
A baixa de Hogan e a enfermidade de Filgueira lastraron a un colectivo cun mal nivel defensivo e que tomou malas eleccións en ataque
E no 65-68, coa Raña enfervorizada polo acerto dos seus e algúns erros arbitrais incomprendidos, o Ávila tivo madurez de abondo e o Peixe, cansanzo de máis. Izquierdo e Castaño reapareceron, o erro dos tiros libres volveu castigar ao anfitrión e os visitantes fuxiron cun 72-80 que, malia os esforzos defensivos azuis comandados por De Benito, non tiveron resposta realista para a victoria do Peixegalego nos intres finais.
O cadro de Marín rematou con 37 lanzamentos de tres realizados por 23 de dous. Un bombardeo que matou, resucitou e volveu matar ao Peixe.