A piscina encoméndase aos 'amigos'

A Asociación de Amigos Fundadores da Piscina asumirá a xestión de Rías do Sur para reabrilo a usuarios particulares
La piscina olímpica de Rías do Sur en una foto de archivo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera La piscina olímpica de Rías do Sur en una foto de archivo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Asociación de Amigos Fundadores da Piscina Olímpica de Pontevedra será, salvo sorpresa, a encargada de xestionar o Complexo Deportivo Rías do Sur. A agrupación, que no seu momento foi a principal impulsora para a creación da infraestrutura, mantivo unha reunión a noite do pasado luns na que aprobou solicitar a explotación do centro á Fundación Rías do Sur. A medida adóptase despois de que non se producisen ofertas por parte de empresas externas que cumprisen coas expectativas da propietaria.

A proposta será trasladada e deberá ser aprobada na próxima reunión do padroado da Fundación Rías do Sur, que se podería producir nas próximas semanas. A convocatoria da reunión debe producirse por regulamento cunha antelación mínina de nove días. Aínda non hai data definida para levala a cabo.

No caso de que se confirme (a asociación ten forte representación dentro do padroado), o Complexo Deportivo Rías do Sur reabriría as súas portas para os cidadáns particulares e abonados privados. Na actualidade, só está disponible para os clubs deportivos de auga de Pontevedra: o CN Galaico, o Galaico Sincro, o CNS Pontevedra, o CW Pontevedra e o SAPO.

O complexo leva pechado para os cidadáns desde hai case un ano e medio. A finais de marzo de 2022, despois do parón da actividade na lámina de auga, a anterior empresa adxudicataria da xestión, Supera, decidiu clausurar completamente o centro por mor dos elevados custos enerxéticos a causa da suba do prezo da electricidade. Usuarios de piscinas e ximnasios foran os damnificados.

Desde aquela, a Fundación Rías do Sur comezou unha fase de adecentamento da instalación, tanto no interior como no exterior, para modernizala, maximizar recursos e facela máis eficiente desde un punto de vista enerxético. Entre as actuacións que levou a cabo, moitas delas para mellorar o vaso de 50 metros, tamén se atopaba a colocación de placas fotovoltaicas no tellado, coa fin de producir unha cantidade de electricidade de abondo para minimizar gastos. Investiu arredor de 400.000 euros nas melloras que se traducen nun importante aforro de enerxía a curto, medio e longo prazo.

Reunión

O martes celebrouse no Concello unha reunión entre os clubs de auga, a dirección de Deportes e a Fundación para dar a coñecer as condicións do convenio asinado entre o Goberno local e Rías do Sur ata o remate de 2023, tanto para os adestramentos dos clubs como para as competicións que desexen desenvolver. A distribución dos espazos e as horas de adestramentos e os protocolos a seguir para a organización de eventos foron algúns dos temas dos que se informou.

A Fundación Rías do Sur puxo a disposición de todos eles un ximnasio para que os deportistas poidan realizar as sesións de seco. A reunión celebrouse co gallo do comezo do curso deportivo, que se producirá o luns 11, coincidindo co escolar.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios