O complexo Rías do Sur, a piques de pechar

A Fundación Rías do Sur lembroulles aos clubs usuarios, Galaico Sincro e CN Galaico, que deben aboarlle os gastos de uso a partir do 1 de abril

Adestramento do Galaico Sincro e o CN Galaico na piscina curta de Rías do Sur. DAVID FREIRE
photo_camera Adestramento do Galaico Sincro e o CN Galaico na piscina curta de Rías do Sur. DAVID FREIRE

Complexo Rías do Sur está a dous días de pechar as súas portas para os clubs. O presidente da Fundación, Héctor Vilariño, mantivo unha reunión este mércores cos representantes dos usuarios da instalación, o Club Natación Galaico e o Galaico Sincro, para explicarlles que deberán facerse cargo dos gastos de emprego da instalación a partir do 1 de abril, se desexan que continúe ofrecéndolles a posibilidade de empregar a piscina de 25 metros como nos últimos meses.

A postura a ese respecto dos clubs é tallante: non van aboar as cantidades requeridas xa que as súas contas non llelo permiten.

Os gastos totais mensuais estimados derivados do uso ascenderían a unha cifra arredor dos 10.000 euros, cantidade que debería ser abordada entre as dúas entidades. Esa cifra fluctuará en función dos prezos enerxéticos, de variacións de consumo e da cantidade de produción que poidan fornecer as placas fotovoltaicas instaladas no tellado do complexo para aforrar custos.

En calquera caso, nin o Galaico Sincro nin o Club Natación Galaico contemplan a posibilidade de pagar os gastos e manteñen unha fronte común e unha postura única para abordar a problemática.

As cantidades estimadas que deberían abordar entre os clubs ascenderían ata arredor de 10.000 euros mensuais

A Fundación explicou que non está en disposición de facerse cargo dos custos que implica manter aberta a instalación para que os deportistas das dúas entidades poidan levar a cabo os seus adestramentos.

"É un xarro de auga fría. Estamos decepcionados", manifestan desde os clubs, representados polos seus presidentes, Alberto Castro e José Maquieira, que xa comezan a traballar no traslado dos seus deportistas para a Escuela Naval Militar, entidade que está a amosar un importante compromiso cos clubs pontevedreses a raíz do conflicto iniciado co peche en marzo de 2022.

De producirse, o peche de mañá de Rías do Sur chegaría despois dun mes de moratoria concedido pola Fundación a finais de febreiro para permitirlle aos clubs conseguir os recursos e ao Concello traballar nunha posible solución. 

Hai unhas semanas o goberno local fíxolle chegar á Fundación o borrador dun convenio para facerlle pago dos gastos xerados e mesmo para encher a piscina de 50 metros, que leva parada máis dun ano. O borrador, que foi obxecto de mínimas enmendas por parte da Fundación, non cristalizou aínda en ningún acordo firme, polo que os días avanzan cara o peche da instalación.

Diario de Pontevedra intentou poñerse en contacto cos representantes do concello nos últimos días, pero non obtivo resposta.

Comentarios