Un play-off esquivo co Pontevedra CF

O cadro granate é o único aspirante á promoción que nunca estivo entre os catro primeiros ▶ O seu resultado ou o dos rivais impedíronlle alcanzar esa praza ata en sete oportunidades

O Pontevedra-Castilla. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O Pontevedra quedou a un gol de entrar en play-off no partido contra o Castilla. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O play-off volveu escapar da rede do Pontevedra. O equipo granate é o único dos sete primeiros clasificados que non estivo en ningún momento nas catro primeiras posicións do grupo. O once da cidade do Lérez perdeu en Ponferrada a enésima opción de coarse entre os mellores.

De ter vencido en El Toralín, o equipo de Luismi sería cuarto, empatado a puntos co terceiro, a Cultural Leonesa, e o quinto, o Castilla, ao que adiantaría por mellor diferenza de goles.

Non é a primeira vez que o PCF deixa fuxir a ocasión de alcanzar o terreo de promoción de ascenso.

A primeira vez que o albiscaba no horizonte foi na décima xornada, despois da mellor serie de marcadores do curso: o Pontevedra viaxou a Guijuelo tras cinco semanas sen perder, estando a tres puntos do cuarto. Caeu por 3-0 e iniciou unha traxectoria de tres duelos sen vitoria que o arrastraron cara os postos intermedios da clasificación.

O equipo pontevedrés recuperou empuxe en decembro: logrou tres triunfos seguidos e empatou a puntos co cuarto e o quinto postos na décimo sexta xornada: o Sanse e a Cultural tiñan 26 puntos, coma os granates. Á semana seguinte o bloque de Luismi encadeou o cuarto triunfo seguido, fronte ao Las Palmas Atlético. O San Sebastián de los Reyes perdeu, pero a Cultural tamén venceu, en Abegondo, contra o Fabril, e o Pontevedra só subiu unha posición. Estaba igualado a puntos cos leoneses e co Castilla, que tamén caera nesa xornada e era terceiro.

E chegou o último encontro antes do Nadal. O triunfo teríalle dado ao Pontevedra o ansiado cuarto posto. Pero o Atlético B bateuno nunha gran demostración de poder e deixouno na quinta praza, a un punto do cuarto, Cultural, e a tres do terceiro, o Castilla.

O ano comezou contra o filial branco, en Pasarón. A Cultural venceu o seu envite e o Pontevedra pasoulle por enriba ao cadro madrileño (3-0). Aquel resultado permitiulle cazar á súa vítima. Pero o Castilla tiña un balance de +6 na diferenza de goles. O Pontevedra, de +5. De ter vencido por un gol máis, tería subido ao cuarto posto. Pero non o fixo. Por un gol. A escadra da cidade do Lérez estaba igualado co cuarto a puntos, e ía a un do terceiro e do segundo.

E comezou a segunda volta contra Unionistas de Salamanca. O Castilla empatou e a Cultural Leonesa perdeu. Co triunfo, o once de Luismi tería subido á terceira praza, a un punto do liderado. Pero errou un penalti e varias ocasións claras e non puido colleitar o triunfo. Parecía que unha maldición o perseguía e non lle permitía acceder ao terreo de promoción.

Quince días despois, o Navalcarnero caía en Pasarón (2-0) e a clasificación apertábase máis. O Sanse era terceiro con 37 puntos e o Coruxo, noveno con 34. No medio do grupo, o Pontevedra aparecía con 36 puntos na sexta posición. Á semana seguinte viaxaba a Valladolid coa opción de ser cuarto se gañaba por máis de dous goles. Pero perdeu. E desde entón, ata o domingo, o Pontevedra deixou de ter opcións de filtrarse entre os elexidos que loitarán polo ascenso ao remate do curso.

Na actual temporada, ocuparon postos de promoción once equipos diferentes. Máis da metade da categoría. A Ponferradina, o Fuenlabrada, o San Sebastián de los Reyes, o Atlético B, o Real Madrid Castilla, a Cultural Leonesa, o Guijuelo, o Celta B, o Internacional de Madrid, o Las Palmas Atlético e o Navalcarnero. Dos que loitan por estar arriba, só o Pontevedra e o Coruxo quedaron sen probar a sensación de sentar á mesa cos mellores.

O Pontevedra perderá a Pedro Vázquez e Borja Domínguez contra o Burgos

O Pontevedra non poderá contar co concurso de Pedro Vázquez e Borja Domínguez para o partido que o enfrontará ao Burgos a próxima fin de semana. Ámbolos dous xogadores viron o quinto cartón amarelo do seu ciclo sancionador no enfrontamento da semana pasada contra a Ponferradina en El Toralín, polo que deberán cumprir unha xornada de suspensión.

No caso de Borja, a acumulación das cinco tarxetas produciuse nun tempo récord, xa que foi amoestado en tódolos duelos nos que participou en liga cos granates excepto un.

Son dúas baixas moi sensibles, especialmente se se ten en consideración o nivel que están a exhibir os dous futbolistas nos últimos partidos de Liga.

Cando menos, Luismi poderá botar man de David Castro, que retornará ao colectivo despois de cumprir a súa sanción contra a Ponferradina e non ten ningunha baixa, a priori, por problemas físicos.

O equipo descansa este martes e retornará ao traballo o mércores no campo sintético de Chan do Monte de Cerponzóns, onde principiará a preparar de forma específica o envite da fin de semana.

ACCESO GRATIS. O Pontevedra Club de Fútbol dará acceso gratuíto a tódalas mulleres que queiran presenzar en directo o enfrontamento contra o Burgos do próximo domingo (17.00 horas, Pasarón).

A medida levarase a cabo con motivo da semana da folga feminista do 8 de marzo.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios