O play-off procura inquilinos

O Cisne Los Sauces está a un punto dos postos que dan dereito a disputar a promoción de ascenso de División de Honor Plata, no esprint final dunha carreira con seis equipos implicados
Bruno Vázquez lanzando a portería no partido contra o Villa de Aranda disputado en Pontevedra nesta temporada. GONZALO GARCÍA
photo_camera Bruno Vázquez lanzando a portería no partido contra o Villa de Aranda disputado en Pontevedra nesta temporada. GONZALO GARCÍA

O triunfo contra a Unión Financiera Oviedo do Club Cisne produciu un efecto balsámico no Cisne Los Sauces. Os dous puntos colleitados en Asturias recolocan o equipo pontevedrés na pelexa polo play-off e afastan de maneira definitiva calquera risco de descenso: a eliminatoria de permanencia fica a seis puntos da escadra de Jabato e o descenso directo a sete, cando restan seis xornadas por disputar.

A competición retorna a próxima fin de semana para afrontar as seis últimas xornadas, co Cisne concentrado na pelexa por un dos seis primeiros postos, que conceden dereito a disputar as eliminatorias polo salto a Asobal. Será unha batalla con ata seis conxuntos implicados e coas dúas últimas prazas de promoción aínda por adxudicar.

As outras dúas xa están reservadas a dous dos tres equipos que disputan o primeiro posto: Guadalajara, Burgos ou Caserío Ciudad Real.

Catro puntos separan ao quinto clasificado, o Trops Málaga, do décimo, Alcobendas, que aínda conserva opcións, aínda que poucas, de disputar as eliminatorias polo ascenso.

Malia estar fóra da zona de promoción, o Cisne Los Sauces depende del mesmo para obter o pasaporte, ao ter o coeficiente particular gañado contra o Villa de Aranda e mercede ao enfrontamento directo da 27ª xornada entre as dúas escadras que o anteceden na clasificación, o propio conxunto arandino e o Trops de Málaga.

Final esixente

 Os de Jabato teñen un calendario cun final, a priori, moi duro, contra un rival directo a domicilio, o Dólmenes Antequera, e o actual líder, o Guadalajara, na última tirada.

Antes diso, o Cisne Los Sauces deberá viaxar a Alcobendas (o próximo sábado), medirse aos dous equipos baleares que están metidos na pelexa pola permanencia e recibirá no Municipal outro rival directo, o Horneo Alicante.

O Trops Málaga e o Villa de Aranda son os que contan cunha situación máis favorable, xa que teñen máis puntos cós outros candidatos e ademais catro partidos dos seis restantes disputarannos como locais. Os malagueños mediranse aos tres últimos clasificados, aínda que deben recibir ao Caserío Ciudad Real. O Villa de Aranda terá practicamente os mesmos rivais, cambiando o Zamora polo Agustinos, tamén cadro da zona baixa.

Ademais do duelo ante o Cisne, o Dólmenes Antequera afrontará partidos duros contra o Barça Atlètic e o San Pablo Burgos. O Horneo Alicante afrontará un calendario case idéntico ao dos andaluces. Pola súa banda, o Alcobendas terá tres duelos directos e un final complicado contra o Caserío en Ciudad Real.

A competición vivirá agora cinco xornadas en cinco fins de semanas consecutivas. Iso si, antes da última xornada volverá vivirse un pequeno.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios