Pontevedra acollerá a terceira edición da "Champions League da petanca"

O torneo Cidade de Pontevedra celebrarase nas próximas datas coa participación de nove clubes
Tino Fernández practica o seu  lanzamento de petanca xunto a varios afeccionados.DP
photo_camera Tino Fernández practica o seu lanzamento de petanca xunto a varios afeccionados.DP

Pontevedra acollerá este entre o 14 de setembro e o 9 de novembro a Copa Cidade de Pontevedra, ou como o propio organizador, Raimundo Argibay, se refire ao evento, a "Champions League" da petanca.

Logo do éxito colleitado en agosto pola I Festa da Petanca, chega esta nova competición presentada este xoves nas pistas ubicadas a carón do Pazo Provincial polo propio Argibay e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, coa presenza da edil de Promoción Económica, a tamén socialista Yoya Blanco.

Fernández, ao igual que Blanco, aproveitou a ocasión para amosar as súas habilidades neste deporte, que como o tenente de alcalde salientou, "converteuse en estratéxico dentro das liñas de actuación do Concello", ao permitir "facer unha actividade física a persoas que doutro xeito non farían deporte".

“Vimos de celebrar Festa da Petanca, agora vaise disputar a Copa -sinalou- e despois virá a Liga. A idea é que este caldo de cultivo que está a xurdir en Pontevedra ao redor da petanca se incremente e que o ano que ven teñamos máis equipas xogando e unha liga aínda máis potente. Estamos facendo un mapa dos terreos que temos, co obxectivo
de ilos aumentando alí onde vexamos que hai afección a este deporte e se precisen”.

Argibay subliñou que esta "Champions de petanca", que chega á súa terceira edición, conta con "tres grupos de equipos que compiten entre si", clasificando para a fase final “o primeiro de cada grupo e o mellor segundo dos tres grupos”. Esas semifinais disputaríanse a ida e volta, mentres que a final sería a un só partido.

En concreto, os nove clubes participantes serán Amigos de Campolongo, Centro Social de Pontevedra, O Mirador de Monte Porreiro, Santa María de Xeve, O Pote de Mourente, Verducido, Salcedo, O Carballo de Mourente e A Corticeira de Bora.

Comentarios