Pontevedra aspira a organizar a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en 2027

A Boa Vila conta co aval do éxito de organización da edición do pasado ano: "Tentaremos que esta cita deportiva volva logo da gran imaxe que deixamos e o pouso que quedou nas organizacións internacionais e nos triatletas" ► Este mércores conformouse o comité organizador do Mundial Multideporte 2025, que terá como sede a capital pontevedresa por segunda vez

Gran ambiente na Avenida de Bos Aires durante a celebración das Series Mundiais de Tríatlon de 2023. GONZALO GARCÍA
photo_camera Gran ambiente na Avenida de Bos Aires durante a celebración das Series Mundiais de Tríatlon de 2023. GONZALO GARCÍA

Pontevedra solicitará a organización da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon de 2027. Así o comunicou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a reunión para a conformación do comité organizador do Mundial Multideporte 2025, que tamén terá como sede a cidade da Boa Vila, por segunda vez na súa historia.

Lores recoñece a dificultade da consecución do propósito que se marca o Goberno local, pero mantén a confianza en base á experiencia acumulada tanto na edición de 2023 como noutros grandes eventos masivos nos que Pontevedra sempre respondeu de maneira positiva. "É unha posibilidade que está sobre a mesa. Non é algo seguro, pero tentaremos que esta cita deportiva volva logo da gran imaxe que deixamos e o pouso que quedou nas distintas organizacións internacionais e nos triatletas", sinalou o rexedor municipal.

O regreso suporía a terceira edición en España en cinco edicións, xa que en 2023 foi en Pontevedra, este ano será en Torremolinos, despois de que a sede elixida nun primeiro momento, Málaga, se trasladase a esta localidade turística. Wollongong, en Australia, acollerá o certame en 2025, mentres que aínda non é oficial, Budapest tomará presumiblemente o testemuño e asumirá a organización en 2026.

De obter as Grandes Finais das Series Mundiais finalmente, Pontevedra convertiríase na cuarta cidade que repitiría organización do evento, despois da australian Gold Coast, da canadense Edmonton e da citada Budapest.

O tamaño da cidade non foi impedimento para a celebración do evento na pasada edición de 2023, na que máis de 2.500 atletas, acompañados por técnicos, familiares ou amigos, tomaron parte nas diferentes probas, desde a proba da categoría elite, ata as diferentes competicións de grupos de idade.

A organización dos grandes acontecementos deportivos é unha das señas de identidade de Pontevedra, que se está a converter nunha das cidades de referencia do tríatlon mundial. Máis alá do atractivo deportivo, Pontevedra considera os eventos un sector estratéxico para a súa política turística e económica. A universalidade do campionato e o desprazamento de milleiros de persoas permite non só dar a coñecer e colocar no mapa a Boa Vila e a comarca, senón ademais unha achega considerable económica directa.

A segunda Gran Final das Series Mundiais en Pontevedra, sumaríase aos dous Mundiais Multideporte (2019 e 2025), a proba da Copa do Mundo de 2022, o Campionato de Europa de 2011 e diferentes probas da Copa de Europa que comezaron en 2008.

Constituido o comité do Mundial Multideporte

Reunión celebra este mércores para conformar o comité organizador do Mundial Multideporte 2025. DP
Reunión celebra este mércores para conformar o comité organizador do Mundial Multideporte 2025. DP

O anuncio da candidatura de Pontevedra como sede para a Gran Final das Series Mundiais de 2027 levouse a cabo na reunión que serviu para constituir o comité organizador do Mundial Multideporte, que se levou a cabo na mañá deste mércores no Concello.

A reunión contou coa presenza da presidente da World Triathlon, Marisol Casado; o presidente da Federación Española de Triatlón, José Hidalgo; o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Javier Campos; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; a concelleira de Deporte de Pontevedra, Anabel Gulías; e outros representantes técnicos das institucións.

Estas entidades serán as encargadas de coordinar e poñer en marcha un evento que demandará un notable esforzo loxístico, económico e a nivel de coordinación de recursos humanos.

Á ALTURA. A engranaxe organizativa púxose oficialmente en marcha para traballar en tódolos aspectos e permitir que Pontevedra, a comarca e Galicia estean á altura dun evento de calado mundial, do que se pretende lograr unha nova experiencia inesquecible, á altura da de 2019, cando a cidade foi sede por primeira vez do Mundial Multideporte.

"É sen dúbida positivo que hoxe esteamos aquí, pois é un evento que transcende a cidade Pontevedra e a súa comarca", sinalou o rexedor municipal durante a súa exposición. "É unha cita que moverá milleiros de persoas e nos dará de novo unha proxección inmensa a nivel internacional, ademais de ter unha repercusión económica realmente importante", explicou Lores, antes de aproximar as cifras nas que se moverá o evento: "O orzamento está aínda sen elaborar, pero agardamos contar con diversos patrocinios tamén privados, mais consideramos que nos veremos sobre os 2,5 millóns de euros, sendo conservadores", resumiu o alcalde pontevedrés.

Non faltou á cita a máxima dirixente do tríatlon mundial, Marisol Casado. Casado expresou o seu agradecemento ao Concello de Pontevedra e ao resto de administracións á hora de poñer en marcha as distintas competicións que acolleu nestes últimos anos, xunto coas que están por vir. "Pontevedra fue y es un ejemplo", sinalou a presidenta da World Triathlon.

Comentarios