Pontevedra B - Vilalonga, de primeiro prato

O equipo celeste e o filial granate disputarán un dos duelos máis interesantes da primeira xornada do subgrupo C Sur da Preferente, que sorteou este martes o seu calendario ►A Liga da primeira fase principia o 28 de marzo e remata o 30 de maio
O último Vilalonga - Pontevedra B, en outubro de 2019. RAFA FARIÑA
photo_camera O último Vilalonga - Pontevedra B, en outubro de 2019. RAFA FARIÑA
O Pontevedra B - Vilalonga será un dos duelos máis atractivos da primeira xornada da primeira fase do subgrupo C da Preferente Galicia Sur. Así o deparou o sorteo dos emparellamentos que levou a cabo este martes a Federación Galega de Fútbol.

A competición comezará o próximo 28 de marzo no grupo Sur e disporá de dez xornadas nas que os conxuntos pelexarán polos dous primeiros lugares de cada un dos seus subgrupos. Eses dous primeiros lugares conceden dereito a disputar unha segunda liga dos mellores da primeira fase na que se outorgarán dous lugares de ascenso a Terceira no Sur e outros dous no Norte de Galicia.

Os conxuntos da comarca de Pontevedra e o Centro e Norte da provincia quedaron encadrados no subgrupo C do grupo Sur. A primeira tirada do campionato terá un Umia-Beluso e un Juventud de Cambados-Gran Peña como outros dous encontros.

Calendario de Preferente 2021

A temporada rematará o domingo 30 de maio coa disputa dun Pontevedra B - Umia e un Vilalonga - Gran Peña. O Juventud Cambados - Beluso, no feudo dos do Salnés, será o outro envite da xornada definitiva desta primeira fase.

O remate da primeira volta terá lugar o 18 de abril. Será máis breve en tempo cá segunda, xa que haberá encontros tódalas semanas e ademais está prevista unha xornada (a segunda) o xoves 1 de abril, coincidindo coa Semana Santa.

RECUPERAR ADIADOS. Despois da oitava xornada do curso procederase a habilitar un parón no calendario para conceder marxe para a disputa de partidos adiados por mor de incidencias do covid-19 nos diferentes equipos da categoría.

Cabe sinalar que algúns equipos relevantes da comarca, clásicos da competición, como o Sanxenxo ou o Portonovo, renunciaron a participar na Liga, na que non haberá consecuencias en forma de descenso para os peor clasificados nin para os obxectores de conciencia: non se rexistrarán descensos.

Os dous prmeiros desta pequena liga de dez xornadas de cada un dos tres subgrupos formarán un grupo único de seis equipos na segunda fase. Entre eles pelexarán polas dúas prazas de ascenso que se disputan no grupo Sur. Os dous primeiros desa pequena liga polo ascenso serán os que obteñan a praza no grupo galego da Terceira División RFEF do próximo curso.

Nesa segunda metade do curso, haberá unicamente catro xornadas. Os tres campións de subrupo accederán a ela con tres puntos e os tres subcampións, con un. Só xogarán contra os adversarios dos outros subgrupos: é dicir, non repetirán partido contra o rival co que compartiron grupo nesta primeira fase.

O terceiro lugar tamén terá premio. Os terceiros clasificados na primeira fase serán os que pelexarán para determinar o conxunto que representará a Galicia na Copa do Rei 2021-22.

Comentarios