O Pontevedra busca un central, un medio centro e un dianteiro

O club traballa na mellora do plantel, coa previsión de non poder pechar tódalas renovacións desexadas

Roberto Feáns. DAVID FREIRE
photo_camera Roberto Feáns. DAVID FREIRE

O Pontevedra móvese ao ritmo dun mercado que aínda avanza parsimoniosamente. A entidade pontevedresa busca un central, un medio centro e un dianteiro para mellorar o seu plantel de cara ao curso vindeiro.

A institución traballa na previsión de non poder renovar a tódolos futbolistas que desexa reter para o próximo curso. Cabe lembrar que o Pontevedra está a apostar pola continuidade da meirande parte dos membros do colectivo que remataron o exercicio 2018-2019.

A única demarcación que require unha contratación obrigada é a punta do ataque, despois do desvencellamento de Arruabarrena do club. O nove vasco xa lle notificou ao club que non tiña a intención de seguir. O interese de desligamento era mutuo. Javi Pazos é agora o único dianteiro do conxunto.

A contratación dun nove de garantías adoita ser a máis complicada de tódalas operacións, xa que a carestía de atacantes con capacidade goleadora e a súa relevancia nos proxectos dos equipos punteiros incrementa o seu prezo no mercado.

A mellor proba da complicación que supón fichar un nove é que nas tres últimas temporadas foi a última adquisición do mercado do Pontevedra: en 2016, Mario Barco e Mateu Ferrer foron as dúas últimas incorporacións do Pontevedra. En 2017, Berrocal foi contratado o 31 de agosto, cando pechaba o prazo, e no curso pasado Arruabarrena chegou coa pretemporada ben avanzada.

No centro do campo, o club non poderá dispoñer do talento de Borja Domínguez, que retornou ao Alcorcón despois da súa cesión no equipo granate, ademais de estar pendente da renovación de catro xogadores para esa posición.

Comentarios