Pontevedra, no centro do universo

A Gran Final das Series Mundiais é o evento deportivo máis importante da historia da cidade ► Ademais do seu enorme valor deportivo, a trascendencia económica do evento é incalculable
Saída da proba feminina do Campionato de Europa de 2011.  RAFA FARIÑA (ARCHIVO)
photo_camera Saída da proba feminina do Campionato de Europa de 2011. RAFA FARIÑA (ARCHIVO)

Pontevedra xa ten o motor a punto para arrancar o maior evento deportivo que xamais organizou. Á beira do Lérez aterra a Gran Final das Series Mundiais cun elenco de estrelas quen de deslumbrar calquera outro dos moitos sobrasalientes acontecementos que acolleu a cidade nos últimos tempos. E detrás delas, un ronsel de practicantes anónimos, de afeccionados, de federacións con técnicos, directivos, ademais dos acompañantes que converterán a Boa Vila no epicentro deportivo do mundo durante a próxima semana.

A pontevedresa é a estación definitiva dun certame de oito probas, o momento no que se resolve un Mundial no que os mellores especialistas se xogan o trono. E non gañarán un cetro calquera, senón o do ano preolímpico: terá un dobre valor, ademais do significado intrínseco dun importante resultado nunha competición de máxima magnitude, o valor clasificatorio para os Xogos Olímpicos. Moitos deportistas pelexan en Pontevedra por acadar un lugar entre os elixidos para saltar ás augas do Sena en París 2024.

Os números

E neste caso, ademais, a proba chega coa incerteza dunha clasificación axustada que abre diferentes escenarios, particularmente na categoría masculina.

Pontevedra será de novo a capital dunha modalidade en plena ebullición, despois da súa consolidación absoluta dentro do programa olímpico. O incremento de licenzas por todo o mundo, do seguimento dos seareiros e a multiplicación de mercados a países aos que achega fano un deporte especial. Catro dos cinco continentes poden presumir de contar con grandes campións baixo o seu acocho e a inmensa maioría das rexións mundiais se deixaron seducir por un deporte tan esixente como espectacular.

A organización estima en arredor de 12.000 os visitantes que se van achegar a Galicia implicados no gran acontecemento. Deles, 2.509 serán participantes das diferentes competicións: a Gran Final das Series Mundias masculina e feminina como broche de ouro, pero tamén as probas das promesas do futuro, os sub-23, os grupos de idade de tríatlon en distancias olímpica e esprint, os grupos de idade do aquabique e os representantes do paratríatlon dotarán dun corido e aroma especialmente cosmopolita a Pontevedra.

Arredor de 170 países poderán seguir en directo o desenvolvemento dunha proba que será producida en directo por Televisión Española, que contará con 80 profesionais para ofrecer o sinal para todo o mundo. Deses estados, 59 contan con representantes nas diferentes categorías que terán lugar á beira do Lérez.

Será un acontecemento que dá continuidade ao idilio que Pontevedra ten co tríatlon, co pentacampión mundial Javier Gómez Noya como celestino entre o deporte e a Boa Vila.

O maior reto

A capital de provincia, con ampla experiencia organizativa, ten entre mans un dos seus retos máis esixentes. Nunca antes acolleu tantas persoas en tan pouco tempo. O Mundial Multideporte de 2019 atraeu máis cantidade de participantes, pero máis ciscados no tempo. A concentración da actividade deportiva en catro días esixirá o máximo non só á cidade ou a comarca, senón á provincia. E é que Pontevedra e Sanxenxo están xa co cartaz de non hai billetes colgado de tódolos seus hoteis. A vivenda turística será unha das grandes beneficiadas do desprazamento masivo de persoas, que se desprazarán non só á capital, senón á comarca, á rexión das Rías Baixas e mesmo fóra da provincia de Pontevedra. Poio, Sanxenxo, Vilagarcía e Vigo serán algunhas das localidades nas que se situarán as delegacións internacionais desprazadas para a competición e os seus acompañantes, ademais dos seareiros.

As tres institucións, Concello de Pontevedra, Deputación Provincial e Xunta de Galicia uníronse economicamente para cubrir as necesidades orzamentarias da organización. Así, o investimento destinado á celebración do evento é de 2,8 millóns de euros. O retorno económico estimado sitúase arredor dos 15 millóns, aínda que semella imposible de precisar unha cifra.

E ademais do deporte, as actividades paralelas pola cidade estarán dirixidas a que a festa sexa completa no que é o acontecemento deportivo máis importante que se celebra en España en 2023.

A cidade máis pequena que organiza o evento máis grande

Pontevedra será a cidade menos populosa en acoller unha Gran Final das Series Mundiais de tríatlon. Cos seus algo máis de 84.000 habitantes é, xunto coa illa mexicana de Cozumel, o destino máis miúdo que celebra un dos eventos máis grandes do mundo do deporte.

A capacidade organizativa de Pontevedra e os seus vínculos coa disciplina nos últimos tempos, xunto co apoio da Federación Española de Tríatlon, fan posible que se incorpore ao selecto club das sedes das finais mundialistas. A magnitude do evento fai que, desde que o Mundial comezou a celebrarse baixo o formato de circuíto (2009), case sempre requerise de urbes moito máis grandes cá Boa Vila.

Pontevedra recolle o testemuño de Abu Dabi. O cidade estado dos Emiratos Árabes Unidos ten dez veces máis poboación ca Pontevedra. O mesmo acontece coa canadense Edmonton, unha das dúas sedes que repetiu celebración das finais (2014, 2021) xunto coa australiana de 638.000 habitantes Goald Coast (2009, 2018): ámbalas dúas de rexións e países con enorme tradición.

Grandes capitais como Pekín (21 millóns de habitantes), Londres (10,4 millóns) ou Budapest (1,7 millóns) tamén acolleron a gran cita universal. E, por suposto, outras grandes urbes mundiais, aínda que non capitais, como Hamburgo, Auckland ou Roterdam tamén foron sedes.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios