Pendentes dunha chamada

Os xogadores do Pontevedra seguen á espera de información do Pontevedra para falar do seu futuro
Víctor Vázquez conta con propostas de Primeira RFEF. ADP
photo_camera Víctor Vázquez conta con propostas de Primeira RFEF. ADP
Toni Otero non andará con présa na toma de decisións. Así o anunciou na súa presentación e así o están a comprobar os xogadores do plantel da pasada campaña.

Na xornada do martes, algúns dos xogadores representativos do plantel da temporada pasada aínda non foran contactados polo novo responsable da parcela deportiva para coñecer as súas intencións de cara ao próximo curso.

Entre eles, atópase o gardarredes Álvaro Cortés. O porteiro madrileño ofreceu un notable rendemento e, antes de que concluise a temporada, coñeceu o interese do club por ampliar a relación contractual entre ámbalas dúas partes. Sen embargo, aquela primeira toma de contacto non se concretou nunha oferta e desde aquela non volveu haber conversas desde os despachos de Pasarón co madrileño, unha das notas positivas do plantel granate durante o campionato de liga. Cortés principiou o curso desde a banqueta e obtivo a titularidade da man de Luisito.

De momento, o deportista tampouco ten présa por coñecer o seu destino, xa que o nivel que ofreceu lle facilitará a busca de destino.

O club granate tampouco se puxera en contacto este martes con Víctor Vázquez, un dos capitáns do primeiro equipo de Pasarón. Asentado ao lado da casa, o marinense acumula tres temporadas coa elástica granate e é un dos emblemas do primeiro plantel, pola súa personalidade dentro do campo, que encaixa á perfección coas demandas e o estilo de xogo do Pontevedra.

O central xa sabe do interese de clubs de Primeira División RFEF por facerse cos seus servizos. Polo de agora continúa a agardar que o Pontevedra se poña en contacto con el para saber cales son os plans para a súa persoa.

O club transmitíralle dúbidas a Adrián Cruz ao remate da pasada temporada. O centrocampista de Moaña ofreceu un bo nivel nos encontros que disputou e a súa presenza no terreo de xogo notouse en momentos comprometidos do curso. Pero os problemas físicos que padeceu arroxan algo de incerteza sobre a súa permanencia en Pasarón.

A entidade segue a traballar amodo, condicionada tamén por diferentes factores, como o coñecemento do orzamento que disporá para realizar operacións no mercado.

A nova que agarda con máis motivación a afección é a identidade do novo adestrador do plantel para a campaña 2021-22.

Nese aspecto, o propio Toni Otero durante a súa presentación fíxose énfase en que non ten présa en dar a coñecer a identidade do novo inquilino do banco, para o que non está descartada a continuidade de Luisito, encargado de rematar a campaña.

O dato. A restruturación do fútbol e dos clubs ralentiza o mercado

Mentres algúns clubs traballan con velocidade para poñer as bases do próximo exercicio, tanto en materia de adestradores como de xogadores, como ocorreu co Bergantiños, ascendido hai unhas semanas, outros lévano con máis calma á hora de realizar xestións.

A lentitude no proceso de contratación de xogadores é habitual neste momento. Se cadra non tanta a prolongación dos contratos dos futbolistas dun curso anterior ou as negociacións para concretar o futuro.

Axentes do mercado apuntan a dous factores relevantes para explicar a ralentización dos movementos: varios clubs da categoría están a restruturarse ou renovar os cargos de responsabilidade na parcela deportiva. Un deses casos é o do Pontevedra, que acaba de contratar a Toni Otero e ademais ten que seleccionar o preparador para o próximo exercicio.

Outro aspecto que pode incidir na toma de decisións é a atomización do fútbol español en máis categorías diferentes, o que pode ralentizar o proceso de escolla dos xogadores. Onde antes os futbolistas tiñan unha Segunda B para facerse oco, agora terán que escoller entre a Primera e a Segunda RFEF, o que pode xerar ampliacións de prazos de espera. No canto oposto, a finalización do play-off de ascenso a Segunda e a conclusión de tódalas categorías salvo o play-off de Terceira acelerará decisións.

Comentarios