O Pontevedra comeza a negociar

O club manifestou o interese pola continuidade dunha gran parte dos compoñentes do plantel, aos que lles fixo chegar ofertas de renovación ►David Castro achega posturas co club ►Antón de Vicente xa sabe do interese granate

20180503_Jcervera_003[1]
photo_camera David Castro nun adestramento. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Pontevedra Club de Fútbol comezou, á fin, as negociacións para renovar os vínculos cos futbolistas que formaban parte do plantel na campaña 2017-18, que vén de rematar hai unhas semanas.

O conxunto granate xa está a facer movementos no mercado e agarda comunicar algunhas renovacións nos próximos días.

Ademais dos casos de Mouriño e Álex Fernández, que son prioridades para Lupe Murillo, dado o seu grao de compromiso co club, os responsables da parcela deportiva xa falaron coa meirande parte dos compoñentes do equipo para facerlles chegar ofertas de continuidade e coñecer cales son as súas pretensións.

Entre os que parecen máis preto de asegurar a súa permanencia de cara ao próximo exercicio atópase o cuntiense David Castro. O zagueiro recoñeceu que hai "moi boa predisposición polas dúas partes. Esperemos chegar a un acordo pronto. Eles queren que siga, algo que é de agradecer, e eu quero continuar", explicou con humildade o canteirán.

Jimmy tamén sabe o que pensa o Pontevedra sobre el. O santiagués dispón doutras ofertas que "económicamente son mejores, pero yo lo miro todo antes de decidir y ahí estoy contento, a pesar de que estuve lesionado este año. Me han tratado muy bien". O club e o lateral esquerdo deberán limar as diferenzas que os separan, pero el ten claro que "no me voy a ir a ningún lado sin hablar antes con el Pontevedra".

DIFERENZAS ECONÓMICAS. Adrián León tamén está en fase inicial de negociacións coa entidade. Recibiu unha proposta de continuidade. O cántabro, que dispón doutras opcións na Segunda B, pide unha mellora no seu contrato.

As posturas están moi afastadas, de momento, con Álex González. A gran campaña do de Vernejo levouno a solicitar un importante aumento do seu salario. Prevense longas tardes de verán para retelo.

Tamén o poden ser con Edu Sousa. O gardarredes quere quedar no Pontevedra. As conversas atópanse en fase inicial. O tudense xa manexa unha proposta en firme do club. 

Con quen vai ir máis lento o asunto será con Kevin Presa, que lle pediu máis marxe á entidade para solucionar un problema persoal. Non será sinxelo que siga.

O director deportivo, Roberto Feáns, dirixiuse ao segundo porteiro, Anxo Pérez, para expresarlle que conta con el. "Fixéronme unha proposta informal", recoñeceu o mozo. O PCF pretende premiar a boa conduta do de Negreira.

Na tarde deste luns o Pontevedra aínda non falara con Iván Martín e Jorge Hernández. O sevillano chéirase que "no cuentan conmigo. Tengo varias ofertas de Segunda B, pero antes quiero saber lo que me diga esta gente", aclarou.

Interese por Antón de Vicente
O Pontevedra Club de Fútbol ten en axenda a Antón de Vicente para a próxima temporada. O centrocampista vigués, que militou no Coruxo nos últimos exercicios, recibiu unha chamada da entidade de Pasarón, na que coñeceu a intención de incorporalo ao plantel do vindeiro exercicio.

De Vicente actúa na demarcación de centrocampista defensivo, aínda que tamén pode ocupar o centro da zaga se o requiren as circunstancias. Non é a primeira vez que a institución da cidade do Lérez se interesa por contratalo. Quixo facelo no mercado de inverno do exercicio 2014-15, en Terceira División.

Durante o curso pasado foi unha peza fundamental no equipo vigués, que debeu pelexar pola permanencia ata o play-out, resolto favorablemente.

De Vicente tomou parte en 36 partidos de liga e dous de play-out. Logrou catro goles. 

O xogador recoñeceu os contactos e amosouse encantado coa posibilidade de estar na axenda granate. "É un club grande, histórico. Sempre é bo que te chame. Alégrome de que sexa así, porque significa que fixeches as cousas ben. Ademais, agradécese cando te chaman como primeira opción". Iso si, tamén expresou que "aínda non me parei a pensar demasiado no meu futuro".

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios