martes. 17.05.2022 |
El tiempo
martes. 17.05.2022
El tiempo

Pontevedra converterase en capital española de karate nos vindeiros meses

Reunión mantida no Concello de Pontevedra. DP
Reunión mantida no Concello de Pontevedra. DP
Acollerá en novembro o campionato de España cadete, júnior e sub 21 e, en febreiro de 2023, unha liga nacional cadete e absoluta

Pontevedra acollerá en novembro deste ano, en data aínda por confirmar, o campionato de España cadete, júnior e sub 21 de karate, e en febreiro de 2023 unha liga nacional cadete e absoluta da disciplina. Así o confirmou este mércores o tenente de alcalde e concelleiro de deportes, Tino Fernández, tras unha xuntanza mantida no Concello de Pontevedra cos presidentes da Real Federación Española de Karate (RFEK), Antonio Moreno, e da Federación Galega, Óscar Lafuente, e na que tamén participou un técnico do Servizo Municipal de Deportes.

Segundo indicou o edil do PSOE, "viñamos mantendo conversas coa Federación de Karate, porque hai un ano xa organizamos con moito éxito unha Liga Nacional, que saíu moi ben e que amosou o sinxelo que é traballar con eles". Fernández sinalou que o de Pontevedra "é un concello que aposta por traballar de forma escalonada, mellorando de xeito progresivo e establecendo relacións consistentes coas federacións, e neste caso mantemos unha moi boa relación".

"A reunión puxo os piares para que neste ano 2022 e no 2023 teñamos eventos de relevancia e para ir vendo a posibilidade de traer outras cousas incluso máis importantes en 2024. Estamos moi satisfeitos, xa que se trata dun deporte que aporta un valor engadido importante á actividade económica de Pontevedra e precisamos potenciar. Temos que agradecerlle ás federacións as facilidades que nos está dando para subir eses chanzos que nos permitan acadar a organización de eventos cada vez máis importantes", engadiu o concelleiro.

O presidente da RFEK agradeceu "o trato que sempre nos deu o concelleiro de deportes" e destacou "a espectacular Liga" celebrada neste "gran pobo" do que quedou "marabillado". Tal e como asegurou Antonio Moreno, "volvemos repetir cun campionato de España cadete, júnior e sub 21 que oscilará entre os 800 e os 1.000 competidores e que arrastra a unhas 1.500 ou 1.600 persoas directamente implicadas no evento". "Imos encher de novo esta cidade –afirmou– turistica e deportivamente".

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Karate amosou o seu "orgullo" porque "se afiance e consolide esta relación coa cidade e co seu Concello", polo que "sempre nos sentimos moi ben tratados". Para Óscar Lafuente, é un motivo para sacar peito que se poidan traer eventos nacionais á nosa comunidade e Pontevedra, xa que é "o mellor xeito de apoiar aos deportistas", e neste sentido, Pontevedra está a acadar cada vez un maior peso como capital galega do karate.

Pontevedra converterase en capital española de karate nos vindeiros...
Comentarios