O Pontevedra deixa os deberes do mercado de fichaxes para o final

O equipo granate é o segundo que menos incorporacións leva realizadas do grupo I de Primeira Federación e o quinto que menos futbolistas ten no plantel
Osede e Ángel Bastos adestrando co Pontevedra en Xeve. GONZALO GARCÍA
photo_camera Osede e Ángel Bastos adestrando co Pontevedra en Xeve. GONZALO GARCÍA

Ángel Bastos e Mario Ortiz convertéronse en dous dos principais focos de ilusión da afección granate no que vai de verán. E iso é porque o polivalente lateral destro e o medio centro son as únicas fichaxes que realizou ata a data o Pontevedra CF. O bloque preparado por Antonio Fernández Rivadulla ocupa as últimas prazas en materia de incorporacións da Primeira Federación para o curso 2022-23. Ademais, a escadra da cidade do Lérez é tamén un dos conxuntos máis curtos, ata a data, para afrontar a pretemporada do próximo exercicio.

Por diferentes motivos: tardanza no inicio dos movementos, limitacións económicas para acudir ao mercado ou a paciencia para maniobrar sen precipitación, todas razóns ás que de forma directa ou indirecta apelou o director deportivo Toni Otero nas súas últimas aparicións públicas, o club de Pasarón dispón neste momento de 17 homes do plantel do próximo curso sobre o límite de 23 que pode chegar a ter (24 se dá de alta un terceiro porteiro). É dicir, réstanlle por facer ata sete incorporacións, aínda que algunha das seis sub-23 sempre podería chegar do filial (agora mesmo, só teñen esa condición Martín Diz e Miguel Román).

Ángel Bastos e Mario Ortiz son as únicas incorporacións que realizou polo de agora o club granate para o vindeiro curso

O bloque granate partirá cunha base moi similar á do pasado curso. Quince futbolistas seguen con respecto á escadra do ascenso, o que implica que é o plantel, xunto co do Racing de Ferrol e o do Córdoba, máis continuísta, aínda que nos andaluces haberá novidades obrigatoriamente, ao ter 25 xogadores, un máis dos que poden ter licencia na categoría de bronce.

As dúas fichaxes do Pontevedra producíronse despois do 1 de xullo, o que incide na prudencia ou lentitude, segundo se mire, coa que está a obrar o club

O equipo de Pasarón foi un dos primeiros en rematar a temporada, polo que a falta de tempo non pode ser o razonamento empregado como club para o peche das operacións. O 15 de maio acabou a competición (o mesmo día có Córdoba) o PCF e sete días antes xa confirmara a súa presenza na nova liga co ascenso virtual contra o Salamanca CF UDS.

O equipo dirixido por Antonio será dos máis continuistas, xa que mantén a 15 dos xogadores que lograron o ascenso

Os play off de Segunda RFEF, nos que lograron o salto de categoría o Ceuta e o Mérida, solucionáronse o 28 de maio, o mesmo día que rematou a liga regular de Primeira RFEF e un día antes de que pechasen a liga de Segunda División o Alcorcón e o Fuenlabrada, ámbolos dous descendidos con semanas de antelación. Os play-off da Primeira RFEF prolongaríanse ata o 11 de xuño, co dramático final para o Deportivo. Case ningún equipo tivo máis marxe para operar có Pontevedra.

Malia a súa situación, o club granate non é o que menos xogadores ten, nin o que menos fichou. O líder desa clasificación é un clásico da mesma, o Internacional de Madrid, que non oficializou ningunha alta e só ten once futbolistas en plantel. 

Non é algo novo. Nas últimas tres temporadas realizou as primeiras fichaxes o 27 de xullo (2021), o 11 de agosto (2020) e o 15 de xullo (2019). Sempre ten que fichar moitos homes e case sempre se ocupa maioritariamente desa faceta en agosto. Cando menos, oficialmente.

A meirande parte dos clubs xa fixeran varias fichaxes antes de empezase o prazo oficial para dalos de alta (1 de xullo). 

Entre os que máis contrataron, destaca o San Fernando (15), o Mérida (14) o Badajoz (14), o Unionistas (12) e o Linares (12) estes tres últimos equipos cos planteis por reforzar moito, xa que os colectivos dos que dispoñen son aínda curtos. No caso de pacenses e salmantinos só teñen 17 futbolistas: apuntan a restruturación total.

Comentarios