1-0. O Pontevedra derrota ao Lugo no Trofeo Luis Otero

Un gol de Brais Abelenda deulle o triunfo ao equipo granate no seu primeiro compromiso estival
FUTBOL TROFEO LUIS OTERO PONTEVEDRA LUGO (_LO_3244.JPG)
photo_camera Brais Abelenda disparando a portería na acción do gol do Pontevedra. GONZALO GARCÍA

O Pontevedra principiou o verán con boas sensacións ao derrotar ao Club Deportivo Lugo no Luis Otero, no clásico partido que, sucedese o que sucedese, ninguén lembrará cando a campaña comece a rodar e o equipo granate se vexa metido en faena, para o bo ou para o malo.

As pretemporadas non escriben best sellers, non compoñen greatest hits, nin pintan obras mestras. As pretemporadas son os teloneiros descoñecidos do grupo grande das festas da Peregrina. Ilusionan ou alarman, pero pasan á historia á mesma velocidade coa que seca o chan dunha treboada en agosto. 

Así a todo, aínda que ninguén o vaia ver repetido en vídeo ou perder o soño despois do que aconteceu sobre o céspede, sempre é conveniente agradar e vencer, mesmo se o carácter do duelo ten certo aroma a pachanga e o seu valor é nulo. Porque da ilusión tamén se vive e, despois dun verán con pouco entendemento cos seus afeccionados, máis por cousa das altas esferas que dos profesionais que pisan o céspede ou o banco de Pasarón, non vén mal amansar as bestas cunha dose de fútbol decente e un triunfo.

Resulta que o Pontevedra tiña pouco que ensinar. Pouco novo, fundamentalmente. Sempre existe a incerteza do que vai propoñer o novo adestrador. Non se sabe se foi porque o tempo de preparación foi tan escaso que o Pontevedra foi fiel ao que xa era ou que a proposta será definitivamente a mesma, pero o PCF foi o que era, un bloque con vocación por ter o esférico, que pretende tratalo ben e constrúe as súas ofensivas sobre a súa iniciativa máis que sobre o roubo ao rival.

O equipo granate amosou unha proposta de xogo similar á da pasada temporada

Como os que principiaron eran os mesmos que remataron a temporada pasada: o mesmo once inicial co único troco de Ángel Bastos por Seoane e o único matiz de Oier Calvillo por Alberto Rubio, o nivel de cohesión e acoplamento semellou elevado e por momentos o Pontevedra tivo unha notable fluidez que lle permitiu dominar por moitas fases do primeiro tempo ao Lugo.

Máis alá dunha incursión por terras inimigas levada a cabo por Moyano superado o primeiro cuarto de hora e un saque desde o curruncho que rematou Lozano, apenas suou en defensa no primeiro tempo.

No seu fútbol, o once granate ameazou ao Lugo en balóns parados con Soto e Miguel Román como protagonistas e acabou metendo dous goles: un irregular de Charles, que cabeceou á rede un centro medido de Oier Calvillo desde a dereita lixeiramente máis adiantado cá defensa visitante (ou iso viu o asistente de Tribuna que llo anulou) e outro perfectamente legal, obra de Brais Abelenda, que conduciu o coiro no medio dun bosque defensivo sen excesos de agresividade e finalizou desde a fronteira da área de castigo, coa fortuna necesaria de atopar polo camiño a Lozano para que desviase a bóla ao fondo da rede.

Ese 1-0 minutos antes do descanso fixo xustiza ás boas intencións e mellor xogo do Pontevedra perante un Lugo que non ofreceu sensacións de proceder dunha categoría superior neses 45 minutos de saída.

O carrusel de trocos da segunda metade permitiulle ao Lugo dominar o treito final do encontro

Na segunda metade mudou o panorama, particularmente a raíz dos trocos masivos introducidos por Antonio, que mandou á caseta os seus teóricos titulares e acabou cos rapaces do filial, Cortés, Rufo, Martín Diz e Osede sobre o terreo de xogo.

O carrusel de trocos sentoulle mellor ao Lugo, como non podía ser doutra maneira. Pero o cadro branco e vermello tampouco tivo momentos para brillar. Máis ben ao contrario, estivo espeso e impreciso para aproveitar a oportunidade que lle brindaba a nudez do Pontevedra.

Álvaro Cortés ocupouse do resto, cun par de intervencións brillantes que impediron que o empate chegase ao fondo da súa rede nun par de ocasións claras, non máis.

E desa maneira, sen grandes agobios nin sufrimento, o Pontevedra conseguíu o triunfo no seu Luis Otero e amosou as primeiras intencións do seu preparador de cara ao futuro.

Un bo punto de partida que ninguén lembrará en outubro,  cando o conxunto granate estea no campo de batalla.   

Ficha do partido
Pontevedra CF: Cacharrón, Ángel Bastos, David Soto, Víctor Vázquez, Samu Araújo, Miguel Román, Yelko Pino, Oier Calvillo, Brais Abelenda, Álex González e Charles. Tamén xogaron Álvaro Cortés, Rufo, Alberto Rubio, Osede, Felipe, Víctor Casais, Jaichenco, Martín Diz, Sergio Abal e Rachu.

CD Lugo: Whalley, Carlos Torrado, Alberto, Lozano, Lebedenko, Ángel Baena, Juan Pedro, Pablo Clavería, Moyano, Jaime Cuéllar e Manu Barreiro. Tamén xogaron Sequeira, Señé, José Ricardo, Marc Carbo, Jordi Calavera, Daniel Vidal, Thian, Ramos, Jesús Alonso, David Rojo e Pablo López. 

Árbitro: Gómez Lameiro. Asistido por García Valín e Vázquez Penas. Sen amoestados.

Gol: 1-0. Minuto 41. Brais Abelenda.

Incidencias: Partido correspondente ao Trofeo Luis Otero disputado no campo de Pasarón diante duns 700 afeccionados.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios